Punto de inflexión

Este domingo a partir das 12:30 horas, coa TVG 2 en directo, o Blusens Monbús enfróntase ao Lagun Aro na ‘Caldeira do Sar’

Empeza a conta atrás na Liga Endesa, arranca a segunda volta. Se ata agora cada partido era importante, a partir deste momento cada encontro será decisivo. A primeira das 17 finais que lle restan ao Blusens Monbus é ante o Lagun Aro, unha das grandes revelacións da competición. Os guipuscoanos chegan coa moral polas nubes tras clasificarse para a Copa do Rei, pero o Obradoiro xa lle gañou no primeiro partido da temporada (68-71). Para repetir triunfo e cambiar a dinámica de resultados, os santiagueses contarán coa axuda extra da súa incondicional afección.

Despois de encadear cinco derrotas consecutivas, o conxunto dirixido por Moncho Fernández necesita marcar un punto de inflexión. Conseguir o quinto triunfo, que tanto se resiste, suporía un paso tremendamente importante neste camiño para obter a permanencia, para facer historia.

 

‘O Alquimista’ poderá contar con todos os seus xogadores para este duelo, aínda que Hopkins, cunha gastroenterite, Bulfoni, con problemas nun nocello, e Corbacho, aínda con molestias nunha perna desde o partido co Cajasol, non puideron adestrarse esta semana ao máximo.

O Lagún Aro é o equipo máis en forma da Liga Endesa, o único que gañou seis do últimos sete encontros. O seu sensacional momento levoulles ata a oitava praza da clasificación e a lograr o billete para a Copa do Rei.

Os donostiarras teñen en Andy Panko á súa gran referencia. O aleiro americano é o máximo anotador da Liga Endesa, cunha media de 19’5 puntos por partido. O seu técnico, Sito Alonso, recupera ao húngaro Peter Lorant.

Por cuarta semana consecutiva, o Multiusos Fontes do Sar volverase a converter nunha caldeira. O rendemento da afección non baixou nin o máis minimo en ningún do tres partidos. Un apoio tan incondicional ten que obter a recompensa dunha vitoria.

Grupo Empresarial
Instituciones

CONTACTO

Multiusos Fontes do SAR

Rúa Diego Bernal s/n

15702 Santiago de Compostela

 

Copyright Obradoiro CAB 2011. Todos los derechos reservados.