Lagun Aro levanta un monumento ao triplo

Blusens Monbus, que chegou a ir perdendo de 17 puntos, plantou cara ata o final ao conxunto vasco, que cimentou a súa vitoria dende a liña de 6'75 (80-88).

A catro acertos dende a liña de tres quedou o Lagun Aro de igualar o récord histórico de 19 que ostenta FIATC Joventut dende 2009. Nin coa reacción obradoirista ao final do terceiro cuarto e ao longo de todo o último nin co espectacular partido de Stephane Lasme, que anotou 26 puntos e agarrou 14 rebotes (37 de valoración), puideron neutralizar os de Moncho Fernández a metralleta donostiarra de Panko, Neto, Salgado e Vidal. O trío arbitral tampouco axudou con algunha decisión moi protestada pola afección compostelá.

O Multiusos viu como o equipo tomaba vantaxe no marcador coa primeira canastra de Lasme. O Blusens Monbus mandaba na pintura. Lasme e Hopkins facían e desfacían ao seu antollo e a sensación de depuración en ataque mantíñase a pesar de que Lagun Aro xa engraxaba dende a liña exterior. Un triplo de Salgado achegaba aos seus tres puntos ao final do primeiro cuarto (21-18).

 

Deseguida se adiantaron os de Sito Alonso con dúas temperás canastras de David Doblas e un triplo (o seu primeiro) de Panko -ao que o pupilo de Aíto García Reneses reservara os 7 primeiros minutos de partido-. Contestou Lasme cun bo movemento baixo o aro e Vidal, con dous tiros libres, e Salgado, de triplo, aumentaron a diferenza a 7 puntos (23-30). Distancia que un parcial de 7-0 anulou e volveu equilibrar a balanza. A un triplo de Vidal que foi replicado por Corbacho seguiulle outro de Javi Salgado, e con este final eléctrico chegouse ao descanso (37-41).

Volveu sufrir o Blusens Monbus na reanudación. Sergi Vidal asañouse neste terceiro cuarto, facendo da sorte dos triplos unha arma desvastadora para os intereses dos de casa. Lagun Aro obtiña a súa máxima vantaxe do partido -17 puntos-, 47-64, cando Bulfoni, cun triplo, metía de novo o equipo no encontro. Lasme, con dous tiros libres, e Corbacho, tamén dende 6'75, reduciron diferenzas en 9 puntos ao final do terceiro cuarto (55-64).

Coincidiu a cariñosa ovación da afección do Obra a Miki Feliu, un dos heroes do ascenso -agora nas filas do Lleida Bàsquet, de Adecco LEB Ouro-, que non se quixo perder o encontro dos seus ex compañeiros, co inicio da reacción do Obra. Guiados de xeito maxistral por Andrés Rodríguez, os de Moncho Fernández treparon ata os 3 de diferenza. A decisión do trío arbitral de non sinalar falta sobre Corbacho cando este armaba o seu brazo para lanzar o triplo que empataría o partido cambiou o devir deste. Na xogada seguinte, Andy Panko si viu aro dende fóra e volveu poñer terra de por medio. A loita de Stephane Lasme nos minutos finais serviu para que a esperanza se mantivese intacta, pero o tempo foi insuficiente para que se consumase a remontada. Os 15 triplos de Lagun Aro pesaron demasiado.

Manel González – Obradoiro CAB

 


Estatísticas do partido

 

80 - Blusens Monbus: Milt Palacio (3), Deron Washington (4), Ebi Ere (3), Bernard Hopkins (7), Stephane Lasme (26) -cinco inicial-, Levon Kendall (5), Javier Bulfoni (13), Oriol Junyent, Andrés Rodríguez (10), Alberto Corbacho (9) e Richard Nguema.

88 – Lagun Aro GBC:  Raulzinho Neto (13),  Papamakarios (2),  Sergi Vidal (22), Andy Panko (19),  Andrew Betts (7) -cinco inicial-,  Lander Lasa,  David Doblas (10),  Javi Salgado (9), Jimmy Baron (2),  Andy Ogide (4) e Peter Lorant.

 

Parciais: 21-18, 16-23, 18-23, 25-24.

 

Pavillón: Multiusos Fontes do Sar. 4600 afeccionados.

 

 

 

Grupo Empresarial
Instituciones

CONTACTO

Multiusos Fontes do SAR

Rúa Diego Bernal s/n

15702 Santiago de Compostela

 

Copyright Obradoiro CAB 2011. Todos los derechos reservados.