Histórico triunfo do Blusens Monbus
Publicado o Domingo, 05 Febreiro 2012 16:53
Os obradoiristas asaltan o Martín Carpena cunha exhibición defensiva e de compromiso
A recompensa á actitude e ao traballo colectivo do Blusens Monbus durante toda a temporada chegou en Málaga. Os santiagueses puxeron fin á súa serie negativa de seis derrotas consecutivas nunha das catedrais do baloncesto español e ante un rival que disputa o Top-16 da Euroliga. O Obradoiro freou por completo ao Unicaja, cunha defensa sublime. Foi un partido para a lembranza, foi o triunfo do grupo que dirixe Moncho Fernández. A anhelada quinta vitoria xa é unha realidade.
O Blusens Monbus tivo unha posta en escena irresistible cun parcial de 2-11, con Ebi Ere como referencia en ataque. O Unicaja tardou tres minutos en anotar a súa primeira canastra. A temida saída en tromba do conxunto de Chus Mateo non se producía e o técnico local víase obrigado a pedir un tempo morto cando só transcorreran catro minutos. O primeiro contratempo para Moncho Fernández chegaba cos problemas respiratorios de Ebi Ere que se ía aos vestiarios en padiola. O susto que daba o escolta americano descentrou un pouco aos seus compañeiros, o que aproveitaron os andaluces para recortar as diferenzas e chegar ao final do primeiro cuarto con 13-15 no marcador.
No segundo cuarto o Blusens Monbus volvía repetir o guión do inicio do partido e os santiagueses asfixiaban ao Unicaja. Deron Washington asumía o protagonismo anotando seis puntos, aos que se sumaba a achega de Junyent e Kendall. Parcial de 0-12 e as dúbidas que non deixaban de crecer no equipo verde. O Martín Carpena estaba enmudecido e o silencio só foi interrompido por un suspiro de admiración tras un espectacular alley-hoop asinado por Palacio e Lasme. Os locais estreábanse neste cuarto cando xa transcorreran seis minutos e medio. A lección defensiva dos homes de Moncho Fernández rozaba a perfección. O Unicaja, equipo do Top-16 da Euroliga e cuarto clasificado da liga Endesa, unicamente anotou cinco puntos neste cuarto. Un triplo de Corbacho e unha canastra con adicional de Hopkins puñan o broche de ouro para chegar ao descanso cun escandaloso 18-36.
Cun súper triple de Corbacho, o Blusens Monbus avisaba de que non ía baixar o pistón no terceiro cuarto. Os obradoiristas establecían unha máxima diferenza de 19 puntos. Non obstante, os malagueños espertaban en ataque, con Valters e Freeland que empezaban a ver aro. Moncho Fernández pedía un tempo morto tres minutos e medio despois da reanudación. A pausa arrefriaba un pouco a reacción andaluza. Ebi Ere, restablecido dos seus problemas, volvía á pista, pero o equipo de Chus Mateo xa non era o do primeiro tempo. A diferenza reducíase a cinco puntos. O Obradoiro soubo reaccionar e co acerto de Palacio afrontaba o último cuarto cunha renda de sete puntos (40-47).
Washington enviaba unha mensaxe nada máis iniciarse o último parcial, o Blusens Monbus non ía baixar os brazos. Colocaba un espectacular tapón a Peric e cruzaba a pista para asistir a Junyent. Con seis puntos consecutivos, Oriol daba aire ao Obradoiro e devolvía as dúbidas ao Unicaja. Corbacho metía outro triplo inverosímil, que acompañaba dun tiro libre adicional. A vantaxe era de 13 puntos a falta de seis minutos. A dirección de Andrés Rodríguez, a inspiración de Corbacho e, en xeral, o traballo de todo o equipo, fixeron posible que os santiagueses esnaquizasen os prognósticos.
Estatísticas do partido
52 - Unicaja: Rowland (9), Fitch (2), Darden(9), Zoric (9), Freeland (12) -cinco inicial-, Garbajosa, Valters (9), Peric (2), Berni (2), Abrines.
69 - Blusens Monbus: Andrés Rodríguez (3), Corbacho (17), Ebi Ere (7), Lasme (8), Hopkins (5) -cinco inicial-, Palacio (6), Washington (7),Bulfoni, Kendall (8) Junyent (8) e Nguema.
Parciais: 13-15, 18-36, 40-47, 52-69.
Pavillón: Palacio Deportes J. Mª. Martín Carpena (Málaga).
Árbitros: J.C. Arteaga, David Soto, Benjamín Jiménez.
Audio Rolda prensa Moncho
Video Resumen do partido



















