Maxia sen límites
Publicado o Mércores, 30 Novembro -0001 00:00
Este domingo a partir das 12:30 horas, coa TVG 2 en directo, o Blusens Monbus enfróntase ó Caja Laboral na ‘Caldeira do Sar’
O nivel de confianza é un valor que cotiza á alza esta semana en Santiago. O Blusens Monbus reforzou os seus principios despois da sorprendente vitoria da última xornada en Málaga. Agora, ante o Caja Laboral, quere repetir o guión e derrotar, co espírito colectivo por bandeira, a un dos grandes do baloncesto español e europeo. Terceiros na clasificación, os homes de Dusko Ivanovic son un equipazo, pero a maxia do Obradoiro e do Sar xa non entende de límites.
Moncho Fernández ten a todos os seus xogadores dispoñibles para afrontar esta xornada previa ao paréntese na liga Endesa pola disputa da Copa do Rei en Barcelona. Un descanso na competición que resultaría idílico se os obradoiristas sumasen o seu sexto triunfo da temporada contra os vitorianos.
Dous xogadores do Blusens Monbus enfróntase a un dos seus ex equipos. Andrés Rodríguez e Milt Palacio teñen pasado baskonista. Tamén será un encontro especial para Bernard Hopkins, que se acada nove puntos entrará no selecto club dos históricos de anotación na ACB.
A visita a Santiago é para o Caja Laboral a última oportunidade de axustar a súa maquinaria antes de enfrontarse a un dos seus principais retos do curso como é a Copa. O pívot polaco Maciaj Lampe, que poderá debutar tras cinco meses lesionado, é a principal novidade no cadro dirixido polo emblemático Dusko Ivanovic.
A fortaleza colectiva visitante esgota case todos os cualificativos, pero unha individualidade acostuma a marcar as diferenzas. Trátase de Mirza Teletovic, o á-pivote bosníaco, é o terceiro máximo anotador da competición, o segundo reboteador e o sexto na táboa de valoración. Desactivalo resultará fundamental.
Para enfrontarse a un conxunto con este potencial, o Blusens Monbus contará coa axuda extra do seu sexto home. A incondicional afección santiaguesa que volverá converter o Multiusos na ‘Caldeira do Sar’.



















