Bernard Hopkins: “Adico os 6.000 puntos a todos os compañeiros que tiven”
Publicado o Mércores, 15 Febreiro 2012 12:26

¿Que se che pasou pola cabeza antes de lanzar dous tiros libres que supuñan un triunfo importantísimo e alcanzar os 6.000 puntos na ACB?
É verdade que conseguín os 6.000 puntos no momento máis importante do partido, pero non estaba nervioso. Tirei moitos tiros libres ao longo da miña carreira. Sempre os ensaio ao finalizar os adestramentos e por iso estaba moi tranquilo. O primeiro era metelos para gañar o partido, o dos 6.000 puntos era secundario.
¿A quen lle adicas entrar no selecto club dos históricos en anotación?
Sobre todo, aos xogadores que foron os meus compañeiros de equipo desde que cheguei a España. Non son base, son un xogador grande que non ten o balón nas súas mans durante moito tempo do partido e por iso dependo moito do resto do equipo. Doulle as grazas a todos eles e tamén os clubes e ás afeccións onde xoguei.
¿Que cambiou no Blusens Monbus nestes dous últimos partidos?
Non cambiou nada, só seguimos adestrando. En moitos partidos anteriores xa chegabamos ao descanso con 10 ó 15 puntos de vantaxe. Quizais agora estamos a dar o 100% durante os 40 minutos e mesmo durante 45 como fixemos ante a Caja Laboral.
¿Notas que cada xornada vas a máis?
Estou moito mellor agora que hai dous meses. Vou aos poucos e cada partido é diferente. A miña función dentro deste equipo é moi importante. Son unha referencia dentro do grupo porque teño 39 anos e necesito traballar máis que os mozos.
¿Ante a Caja Laboral todo o pavillón coreou o teu nome?
Foi impresionante. É a mellor afección que tiven na miña carreira. Foi moi especial ouvir a todos os afeccionados cantando ‘Hopkins, Hopkins’.
En Santiago es todo un ídolo, pero ¿quen foi o teu desde que empezaches a xogar ao basket?
O meu ídolo sempre foi Magic Johnson.
Tras 13 temporadas na elite, ¿cal foi a mellor vitoria na túa carreira?
Cando xogaba na Valencia e gañamos a ULEB Cup. O triunfo desta xornada ante a Caja Laboral tamén foi un dos mellores da miña carreira.
¿E a derrota máis dura?
Tamén cando xogaba en Valencia e perdemos a Copa Saporta en Zaragoza.
¿A que pensas adicarte cando deixes o baloncesto?
Espero ser algún día adestrador ou manager dalgún equipo. Coñezo e entendo moito de baloncesto. Desde hai 20 anos adícome só a este deporte e é o único que sei facer.



















