"Cando criamos que tiñamos todas as respostas, de pronto cambiaron todas as preguntas". Mario Benedetti.
Publicado o Martes, 14 Febreiro 2012 12:50
Quen nolo ía dicir hai tan só dúas semanas, ou mesmo hai un mes, cando con catro partidos como locais, pensabamos que a costa de xaneiro sería menos empinada e se mirabamos de esguello ao calendario de febreiro, antollábansenos unhas duras pendentes, cual o Tourmalet nunha etapa do tour de Francia. O equipo poñía empeño e algo máis, pero o certo é que malia competir, non chegabamos, non gañabamos.
Pero isto é baloncesto, deporte e non matemática, e cando peor nos pintaban as cousas, o equipo deu un golpe na mesa, en Málaga, pero ollo!, nesta liga non hai descanso posible, e na seguinte xornada visitábanos o Baskonia, o terceiro equipo de España, aquel que ascendeu connosco a primeira división no afastado xa século pasado, e que tamén curiosamente baixou na seguinte tempada xunto connosco e un tal Caja de Ronda, casualidades da vida dende aquela data aqueles dous equipos que nos acompañaron no transo amargo que supón un descenso de categoría iniciaron unha profunda transformación, ata converterse no que son hoxe en día, auténticos trasatlánticos do noso deporte, o Caixa Laboral e o Unicaja atesouran títulos nacionais e internacionais e gozan de licenza en Euroliga, a iso aspiro e sono, para o futuro do meu querido Obradoiro e creo firmemente que se temos a paciencia e non nos mingua o ánimo, o podemos conseguir se TODO O MUNDO rema na mesma dirección.
Podo afirmar, sen lugar a dúbidas, que o 12 de febreiro de 2012 xa pasou a engrosar a lista de datas gravadas a lume na historia obradoirista xunto ao 14 de decembro de 2009 (vitoria ante o invicto Real Madrid) ou ao máis recente 3 de xuño de 2011, do cuarto partido do play -off de ascenso en Burgos. Aquilo que alguén publicou hai un ano que dicía algo así como que "non foi un sono queremos vivilo outra vez ", cobrou onte nova vixencia cun paralelismo exacerbado coa outra vitoria da nosa tempada anterior en ACB, ante o Madrid de Messina, partidos que empezamos competindo e sen descolocarnos, segundo cuarto que sen transmitir malas sensacións parece que nos van comendo o terreo, para despois do intermedio ver o equipo crecer e non dobrar o brazo no pulso, e chegando aos instantes finais dos corenta minutos regulamentarios, un triplo de Kostas... catro arriba, dous tiros libres de Pazo para poñernos cinco arriba.... cando nolas prometiamos tan felices... un tal Bullock e un Teletovic volvíannos baixar á terra, pero tiñamos que agradecerlles o seu acerto porque nos permitían gozar de cinco minutos extra de regalo de baloncesto en estado puro, ao "Obra" séntanlle ben estas prórrogas e a de onte raiou na perfección co equipo levando a iniciativa e coa capacidade, o tesón e a forza mental dun Rafa Nadal, soubo devolver con mestría todas as bólas á liña dos Teletovic, San Emeterio e compañía.
Foi onte tamén un día grande para un grande disto, Bernard Hopkins que entro no selecto club dos 6.000 puntos en ACB e que ten a tiro superar en anotación un tal "Chicho Sibilio" e que esta gozando dunha auténtica segunda xuventude cunha entrega e un saber estar na pista completamente descomunal, amen do descendente que ten con todos os seus compañeiros, o que prolonga a súa figura fóra da pista como o cuarto adestrador deste equipo.
Tamén se confirma como un auténtico baluarte nesta liga, Alberto Corbacho, polo que debo confesar a miña debilidade e o que me provoca co seu acerto, que me levante con paixón do meu asento, pero é que non é que só anota eses triplos imposibles, chegando en carreira tras un corte a mais ou menos un ángulo de 45 graos respecto ao aro, e co seu defensor enriba e que tras levalo agarrado da camiseta lle clava case caendo ese puñal-mísil de 3 puntos, senón que tamén DEFENDE e ata se converteu en taponador facéndolle a competencia, nada desleal, ao noso taponador oficial don Stephan Lasme, que dito sexa de paso tamén esta nun momento sublime de forma que fai que suban exponencialmente as potencialidades do equipo. Tamén mencionar a entrega de Junyent que malia os problemas físicos que vén arrastrando cumpriu perfectamente no sempre importante rol da chamada segunda unidade. Ebi Ere parece que tamén empeza a ver a luz ao final do túnel, onte ante un erro como o que cometeu ao inicio soubo rectificalo cun tapón magnífico e cheo de rabia e non deixo de loitar en todos os lances cando estivo en pista. Os nosos bases, Andrés vai volvendo ser o que a tempada pasada foi sen lugar a dúbidas, o mellor basee da Leb Oro, e Milt Palacio co seu trans-trans vai achegando dose de veteranía e serenidade ao xogo do equipo. Kendall onte, creo que completou o seu encontro máis completo, valla a redundancia, dende o inicio de tempada, tras un comezo un pouco titubeante marcouse un impresionante 5/8 (63% en tiros de campo) e 8/8 pleno dende o tiro libre cando ademais o balón comezaba a "ferver nas mans". Tamén é de xustiza destacar os minutos do noso querido capitán o "Tuky" Bulfoni que contribuíu co seu traballo incansable tanto en defensa coma en ataque a achegar e sumar no colectivo a favor da vitoria. Deron Washington gozou onte de poucos minutos, pero non escamoteo esforzos e cos seus estratosféricos saltos onte taponou un tiro do rival que os colexiados consideraron ilegal. E non se me esquecen os dous xogadores que onte non saltaron á cancha, pero que tamén teñen a súa cota alícuota na vitoria posto que sen o seu traballo calado e sacrificado no día a día dos adestramentos esixentes e duros do coach Fernández e sen o seu alento e apoio aos compañeiros na pista, tampouco tería sido posible obter o triunfo.
Felicitar tamén aquí ao corpo técnico do club, encabezado polo meu amigo Moncho Fernández, que tamén recuperou para conseguir a vitoria, esa, perdóeseme a expresión, "mala hostia" tan necesaria para esporear aos seus, o que sumado a unha formulación táctico defensivo extraordinario e unha concentración total na dirección de partido fixeron dobregar ás hostes do "sarxento" Ivanovic. A Gonzalo e a Víctor que nos seus papeis secundarios teñen unha importante parte de culpa no acerto do equipo pois sen a súa entrega e dedicación, podo dicir sen temor a equivocarme non sería posible o desfrute destas épicas vitorias, xunto co complemento ideal do preparador físico Oscar Viana e o fisio Tomas e sen que se me esquece o noso enorme delegado Fran que sempre esta aí ao pé do canón. Todos eles facedes máis grande ao Obra.
Para ir rematando non me quero esquecer do meu presidente, que cos seus acertos (os máis) e erros (os menos), sofre de xeito inhumano cos devires do balón en xogo e con algunha que outra xogada a balón parado, pero como dicía o noso novel Cela, "o que resiste gaña" e se ben no noso equipo as alegrías son poucas, como as gozamos cando suceden.
Aínda non temos nada feito pero se estamos no bo camiño e estou seguro de que indo partido a partido conseguiremos o obxectivo; facer historia.














