Fran Cárdenas: ”Que mellor sitio para cumprir a miña terceira temporada en Liga Endesa?”

Fran Cárdenas seguirá sendo xogador do Rio Natura Monbus Obradoiro a tempada 2016/17. O onubense e o club fixeron realidade a cláusula de continuidade no contrato que os une, o que fai "moi feliz por seguir un ano máis neste club e nesta cidade".

Así, o base pregúntase retóricamente que "Que mellor sitio para cumprir a miña terceira tempada en Liga Endesa". Asegura afrontalo "con moita ilusión e ganas de traballar día a día". Non en balde, o obxectivo é "axudar ao equipo para conseguir vitorias e lograr así os obxectivos conxuntos, que é o verdadeiramente importante".

Ademais, a afección obradoirista tivo peso nesta firma: "Para min, xogar ante a mellor afección da liga Endesa é unha pasada e sentirse querido e arroupado, ver que recoñecen o teu traballo". De igual modo, confesa que "seguiránseme poñendo os pelos de punta cando entoen o Miudiño, como cada día desde o primeiro".

Coa súa naturalidade e sentido do humor, espera tamén ser un alicerce na adaptación de novos compañeiros: "Será o meu terceiro ano, e de momento xunto a Pepe , serei o máis veterano, así que quero ter responsabilidade dentro do vestiario desde o primeiro día e tentar que os novos que veñan sentan cómodos desde o minuto cero".

De momento, Cárdenas gozará de verán no seu pobo natal La Palma del Condado, onde participará no campus de verán que leva o seu nome e organizado polo equipo no que comezou a xogar.

ARRIBA