Paco Redondo e o traballo de bote cos xogadores exteriores no V Clínic "Desmontando ao adestrador axudante"

Paco Redondo, adestrador axudante do Real Madrid desde hai dúas tempadas, visitará Santiago de Compostela os días 29 e 30 de xullo para asistir como relator ao V Clínic "Desmontando ao adestrador axudante", que terá lugar no pavillón de Fontiñas.

O técnico achegará a súa visión sobre "O traballo de bote cos xogadores exteriores" e coa súa charla busca "poder desenvolver e compartir con todos os asistentes o traballo que eu fun realizando sobre o bote coas diferentes categorías de formación e a importancia do mesmo nas categorías superiores".

Redondo detallou que lle gustaría "explicar a miña experiencia con diferentes tipos de xogadores (con físicos distintos, que alternan posicións...) e como dar ese salto de calidade neste concepto, básico no noso deporte".

O adestrador recomenda este clínic a "calquera adestrador ou adestradora da categoría que sexa pero que queira reciclarse, que queira unha formación continua. Creo que é un luxo poder contar co elenco de adestradores axudantes que van asistir, nun período concentrado e nunha cidade como Santiago. Creo que un clínic centrado na figura do adestrador axudante achega un punto de vista diferente, cun enfoque totalmente distinto ao que estamos afeitos. Resúltame moi interesante".

ARRIBA