O Monbus Obradoiro e o concello de Oroso asinan un convenio para a creación dunha escola de baloncesto

 O Monbus Obradoiro e a Fundación Heracles asinaron un convenio de colaboración co concello de Oroso e o CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés para a creación dunha escola de baloncesto no municipio.

Na firma oficial do acordo estiveron presentes o alcalde de Oroso, Manuel Mirás; o director do CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés, Francisco Avila; o membro do consello de administración do Monbus Obradoiro, Óscar Rodríguez; e o presidente da Fundación Heracles, Pepe Casal.

Durante a firma, os asistentes quixeron resaltar "a importancia dunha escola de baloncesto neste concello, xa que era o deporte que faltaba por ofertar a nivel municipal".

Esta Escola estará dirixida por adestradores da canteira do Obradoiro CAB e situarase nas instalacións do CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés que, debido a este acordo, estase reacondicionando polo concello de Oroso para que poida comezar a funcionar a principios do curso académico.

ARRIBA