Matt Thomas: "Falei con Whittington, Hummel e Brown e todos dixeron grandes cousas sobre a súa experiencia xogando en Santiago"

O Monbus Obradoiro continúa sumando novas incorporacións para a próxima tempada e unha das últimas foi a do escolta Matt Thomas, procedente da Universidade de Iowa State e que acaba de disputar a NBA Summer League de Las Vegas cos Angeles Lakers.

Matt Thomas realizou as súas primeiras declaracións como obradoirista e asegurou que "xogar aquí é unha gran oportunidade para comezar a miña carreira de baloncesto como profesional e será bo para min e para o equipo. Parece un equipo cun ambiente moi familiar e será unha transición fácil para min procedendo de Estados Unidos. Ademais, a Liga ACB é a mellor liga doméstica de Europa e vaime a dar a oportunidade de xogar nunha competición de alto nivel en cada partido".

O escolta explicou que esta non será a primeira vez que pise España: "O equipo no que estaba, Iowa State, levounos de viaxe a España no verán de 2015 e visitamos Madrid, Valencia e Barcelona. Estou a desexar volver a España, coñecer a cultura e os costumes de Santiago e competir na Liga".

Acerca de que poderá achegar o novo xogador ao equipo, Thomas confesa ser "un xogador nada egoísta e gozo xogando para os meus compañeiros. Podo tirar ben e rebotear. Son un xogador constante que traballa cada día duramente e farei o que sexa para que podamos gañar. Ademais, creo o equipo poderá contribuír en min de moitas maneiras. Quero construír relacións de amizade cos meus compañeiros, adestradores e resto do persoal que duren para toda a vida. Espero que podamos gañar moitos partidos e conseguir os obxectivos marcados para valoralo e lembralo o resto da miña vida. Creo que no Monbus Obradoiro haberá un ambiente familiar que me axudará no meu primeiro ano como xogador profesional".

Antes de decidir vir a Santiago, o escolta falou con ex xogadores do equipo estadounidenses: "Falei con Alec Brown, Shayne Whittington e Robbie Hummel e todos dixeron grandes cousas sobre a súa experiencia xogando no Monbus Obradoiro e en Santiago".

Matt Thomas vese reflectido no modo de traballar do club: "Coñecín a Moncho Fernández en Las Vegas durante a Summer League e explicoume as súas expectativas co equipo. Síntome identificado cos seus valores e crenzas e por iso creo que encaixarei moi ben co equipo".

O xogador confesou que xa ten información acerca da afección: "Mostráronme un vídeo dos afeccionados do equipo cantando antes dun dos partidos en casa. Está claro que a afección crea un gran ambiente nos partidos e estou emocionado por experimentalo por min mesmo, ademais de querer interactuar con eles no día a día en Santiago".

ARRIBA