Moncho Fernández: “Temos que ver a parte chea do vaso”

O Monbus Obradoiro volve a Sar para disputar o último encontro do ano, o sábado ás 19:00 horas, recibindo ao MoraBanc Andorra, que será o ‘Partido Solidario Gadis’.
O adestrador do Monbus Obradoiro, Moncho Fernández, compareceu esta mañá ante os medios de comunicación, e explicou que o seu rival “é un equipo anotador. Nos partidos sempre se van preto dos 90 puntos. É un dos máximos anotadores da liga”.
 
Con respecto ao MoraBanc Andorra da tempada pasada, o técnico compostelán asegurou que “cambiou porque incorporaron a Jaime Fernández, a Blazic, que son dous dos seus principais referentes ofensivos, con Karnowski, con Jankovic, Copeland… Teñen unha base de xogadores que xa coñecen o que quere o seu adestrador, que ten un estilo propio e recoñécelo porque a filosofía de xogo é a mesma, pero interpretada por outros xogadores de tanta calidade como algúns dos que nomeei”.
 
Fronte ao partido do sábado, Moncho detallou que “hai que corrixir os básicos, as cousas que temos que facer ben, non o que ten que ver cos estados de forma ou mentais. Son cousas que xa sabemos facer, que xa as tiñamos e simplemente temos que volver facelas. Estamos centrados no partido de MoraBanc Andorra para traballar no que cremos que nos vai a axudar a sacar adiante ese partido”.
 
O adestrador explicou que “sempre facemos análise nas vitorias e nas derrotas. O aspecto defensivo é algo que temos que mellorar e estou convencido de que o imos a facer. Pero tamén temos que ter perspectiva. Imos disputar a xornada 14, en postos de Copa, con 7 vitorias… Tamén hai que ver a parte positiva que ten o vaso. Hai unha parte baleira, que a temos presente e é non defender ben o outro día, pero hai unha parte chea que é que fixemos moitas cousas ben para poder estar nesta posición”.
 
A rolda de prensa rematou co tradicional brinde do Nadal coa Estrella de Navidad, de Estrella Galicia, cos xornalistas que seguen día a día a actualidade do club no que Óscar Rodríguez, conselleiro do club, desexou unhas felices festas e que “o 2018 siga traendo cousas boas ao Monbus Obradoiro”. 
 
PARTE MÉDICO: Todos os xogadores están dispoñibles para o adestrador. Jordan Bachynski continúa de baixa. 
ARRIBA