Iker Sama, representado por Alberto Corbacho, consegue o título de Mellor Tirador de Galicia

A Cidade da Cultura reuniu nun divertido evento a máis de 160 persoas para atopar ao Mellor Tirador de Galicia, menor de 18 anos.
En concreto, o interior do edificio CINC transformouse en cinco pistas de baloncesto con canastras adaptadas a cada categoría participante (babybasket, preminibasket, minibasket, infantil e cadete/xuvenil).
 
Durante a tarde, os máis de 160 inscritos disputaron as diferentes roldas para clasificarse para a final. Moitas delas vivíronse con emoción, producíndose varios empates que mostraban a igualdade entre participantes e as súas ganas por ser representados por un xogador do Monbus Obradoiro na gran final.
 
Tras xogar varios desempates, proclamáronse campións os seguintes nenos e nenas: Noé Godón (babybasket), Mateo Riveiro (preminibasket), Roi Cerdeira (minibasket), Iker Sama (infantil) e Ana Sánchez (cadete/xuvenil).
 
A continuación, cada un dos gañadores puido escoller por quen sería representado na gran final: Noé escolleu a Ben Simons, Mateo a Matt Thomas, Roi a Eimantas Bendzius, Iker a Alberto Corbacho e Ana a Martins Laksa. E comezou o bo.
 
Ningún xogador quería fallar ao neno e nena que representaban e querían que obtivese o título de Mellor Tirador, por iso tomáronse moi enserio esta competición, que estivo moi disputada, mentres o público animaba e contaba a viva voz cada canastra encestada.
 
Finalmente, todos os asistentes viviron como o infantil, Iker Sama, se proclamaba campión do primeiro concurso “Búscase ao Mellor Tirador de Galicia” grazas á súa actuación nas roldas clasificatorias e sendo representado por Alberto Corbacho na gran final, que anotou 22 tiros para vencer aos seus compañeiros de equipo.
 
Tras esta divertida xornada, o equipo descansa para disputar o último encontro do ano, recibindo ao MoraBanc Andorra, ás 19:00 horas, no Partido Solidario de Gadis. Todos aqueles que queiran retirar entradas coa promoción de Supermercados Gadis, a 10€, en Tribuna 2, poderán presentar o cupón obtido nas compras superiores a 40€, nos despachos de billetes do Multiusos Fontes do Sar, a partir das 17:30 horas.
ARRIBA