O Monbus Obradoiro cae ante o Tecnyconta Zaragoza nun partido intenso e igualado (93-87)

O Monbus Obradoiro visitou o pavillón Príncipe Felipe, onde o Tecnyconta Zaragoza conseguiu frear ao Monbus Obradoiro no seu obxectivo de conseguir a décima vitoria da tempada, nun encontro que se mantivo igualado ata os compases finais (93-87).
Os de Moncho Fernández saltaron intensos á pista con Pozas, Thomas, Bendzius, Radovic e Pustovyi, tentando dificultar o ataque e a defensa do seu rival. Así, o conxunto compostelán conseguiu as súas primeiras rendas a falta de 6 minutos para o final do cuarto (5-11). Pero o equipo maño con Dragovic e Neal impediron que a vantaxe se ampliase, chegando a poñerse por diante (19-18) para, finalmente, empatar o encontro a 23 puntos tras anotar os dous tiros libres Bellas.
 
No segundo tempo, o equipo santiagués atopou a súa vantaxe a través do acerto nos triplos, con dous consecutivos de Navarro e Corbacho nos dous primeiros minutos (29-29). Seguíronlles o de Sàbat e de novo Corbacho, cos que conseguían ampliar a oito puntos a súa vantaxe sobre os de Pep Cargol (32-40). Só un imparable Gary Neal conseguía anotar para manter ao seu equipo no partido.
 
A falta de 02:30 para o descanso, Pozas tivo que retirarse da pista ao sufrir unha escordadura na articulación acromioclavicular esquerda tras recibir un golpe nunha xogada. O Tecnyconta Zaragoza apertou entón en defensa, conseguindo poñerse por diante no último minuto grazas a dúas canastras de Triguero e os tiros libres de McCalebb, para chegar ao descanso cun 47-44 reflectido no marcador.
 
O Monbus Obradoiro saíu acertado tras o paso por vestiarios, inaugurando o marcador Radovic cunha canastra de dous e seguiulle Thomas cun triplo para volver a poñerse por diante no electrónico (47-49). Pero enseguida respondeu o conxunto zaragozano, con canastras de Dragovic, McCalebb e un triplo de Barreiro (54-49). O equipo compostelán demostrou que non quería deixar ir este encontro e igualou o marcador Thomas tras un triplo (54-54). Os seguintes minutos foron de igualdade total, ata que unha bandexa de Michalak nos segundos finais deixou o marcador en 68-66.
 
Quedaba todo por decidir nun encontro marcado pola igualdade entre ambos os equipos e Corbacho anotou o primeiros tres puntos desde a liña de tiros libres. Tentaba escaparse o conxunto local pero os triplos de Navarro e Thomas mantiñan a igualdade no marcador a falta de catro minutos e medio para o final (80-78). Foi entón cando o Tecnyconta Zaragoza anotou un parcial de 8-0, que conseguía dez puntos de renda a falta de 2:18 para a conclusión. Pero o Monbus Obradoiro pelexou o encontro ata os segundos finais chegando a poñerse a cinco puntos a falta de 36 segundos grazas a un triplo de Corbacho pero finalmente a balanza inclinouse ao lado maño e o partido rematou cun apertado 93-87.
 
O Monbus Obradoiro volve a Santiago para comezar unha nova semana de traballo na que recibirá en Sar ao UCAM Murcia, o sábado 10, ás 19:00 horas. O equipo non volve xogar ata a primeira fin de semana de marzo, para recibir ao Montakit Fuenlabrada en Sar, tras dous fins de semana sen competición polo parón da Copa do Rei e as Ventanas FIBA.
 
FICHA TÉCNICA 
 
Tecnyconta Zaragoza 93: McCalebb (10), Neal (36), Barreiro (3), *Álex Suárez (3) e Varnado (7) -cinco inicial- Triguero (4), Dragovic (4), Belas (13), Michalak (4), De Jong (9) e Blums (-).
Monbus Obradoiro 87: Pozas (-), Matt Thomas (22), Bendzius (6), Radovic (12), Pustovyi (12) -cinco inicial- Sabat (6), Simons (-), Llovet (3), Spires (-), Navarro (11), Corbacho (12) e Laksa (3).
 
Árbitros: Conde, Araña e Sánchez Mohedas.
 
Parciais: 23-23, 24-21, 21-22 e 25-21.
 
Incidencias: Partido correspondente á Xornada 19 de Liga Endesa disputado no pavillón Príncipe Felipe de Zaragoza ante uns 6.800 espectadores.
 
ARRIBA