Moncho Fernández: “O UCAM Murcia é un equipo de guerreiros”

O Monbus Obradoiro recibe esta fin de semana ao UCAM Murcia para disputar a xornada 20 da Liga Endesa, este sábado, ás 19:00 horas.

O adestrador do Monbus Obradoiro, Moncho Fernández, compareceu esta mañá en rolda de prensa e explicou que o seu rival “está a facer unha gran tempada. Quedaron oitavos ao final da primeira volta, o que noutras circunstancias os levaría a disputar a Copa do Rei. A temporada do equipo murciano é fenomenal”.

O equipo murciano mantén a varios xogadores da pasada temporada e sobre isto o técnico compostelán detallou que “a continuidade en todos os grupos sempre é boa porque ao final créanse sinerxias e relacións entre os xogadores que pasan de ano en ano, á marxe de quen sexa o adestrador. Sempre é bo ser capaz de manter un bloque e iso conseguiuno o Murcia, non só un bloque senón unha filosofía de xogo. É un equipo moi aguerrido, moi físico que nunca se despega nos partidos, dá igual que vaian abaixo ou arriba. Teñen un nivel de intensidade moi alto. É un equipo de guerreiros”.

“Ademais – continuou – teñen novas incorporacións: Hannah, Oleson, Urtasun debido á baixa de Antelo, Lukovic… Completaron moi ben ese grupo que xa tiñan con pezas de equipo importante. Ibon conseguiu que sexan un colectivo onde hai moita calidade individual pero que no esforzo defensivo e a solidariedade ofensiva son un bloque”.

Moncho Fernández confesou que neste partido “a esixencia física vai ser enorme. Como colectivo, é un equipo que sempre traballa, loita, pelexa, que no físico sempre dan sobresaliente, que che esixe moito naquelas cousas que non teñen que ver coa táctica e que son importantes: o 1x1, o rebote defensivo, o balance… Niso son un equipo que sempre fai un despregamento enorme en cada partido. O da primeira volta é un claro exemplo: durante moitísimas fases do partido conseguiron sacarnos da nosa forma de xogo e defensivamente freáronnos moi ben. É un partido do que temos que aprender”.

PARTE MÉDICO HM HOSPITALES: Pepe Pozas realizou o venres unha parte do adestramento cos seus compañeiros. O seu concurso para o partido deste sábado é dudoso. Jordan Bachynski continúa de baixa. 

ARRIBA