O Monbus Obradoiro – Montakit Fuenlabrada, partido patrocinado polo Concello de Padrón

O Monbus Obradoiro retoma a competición este domingo ante a súa afección, ás 18:00 horas, recibindo ao Montakit Fuenlabrada, nun partido que estará patrocinado polo Concello de Padrón.

Esta mañá déronse a coñecer os detalles deste partido patrocinado na rolda de prensa previa ao partido. Daniel Agra, director de Márketing do club, explicou que “para nós é un acordo moi importante. O Club de Empresas conta con máis de 275 empresas, non todas elas de ámbito privado. Isto quere dicir que somos un bo vehículo de comunicación, e así nolo fan saber os nosos asociados”.

“Así – continuou Daniel - dentro deste acordo, está a promoción das festas da Pascua de Padrón. Desde o club promocionaremos esta actividade a través dun partido patrocinado, o deste domingo, no que contaremos cun posto promocional no hall de entrada no que se ofrecerá información sobre todas as actividades que se desenvolverán nesta festa. Nos carteis de partido podemos ver o novo logotipo da Festa da Pascua de Padrón. Unha das accións máis importantes dentro deste acordo é que máis de 50 nenos de Padrón poderán gozar dun partido da Liga Endesa grazas ao seu concello”.

Andrés Sanmarco, concelleiro de Deportes e Emprego do Concello de Padrón, detallou que “a Pascua, ademais de ser unha festa con máis de 400 anos de historia, é tamén un motor económico grazas ás preto de 100 actividades culturais, sociais, relixiosas, musicais, e tamén deportivas (campionatos de fútbol base, afeccionado, fútbol sala, xadrez, tenis e unha velada de boxeo) que se desenvolverán desde o 24 de marzo ao 14 de abril de tipo”.

“Este ano quixemos tamén darlle protagonismo ao baloncesto e por iso estamos hoxe aquí. Ademais do partido patrocinado deste domingo, o mércores 28 de marzo celebraremos en Padrón o Día do Baloncesto, no que dous xogadores do Monbus Obradoiro visitarannos para compartir media xornada en varias prazas de Padrón cos nenos e nenas que estean interesados”, anunciou Andrés.

Antes de comezar coa rolda de prensa previa ao partido deste domingo, o adestrador do Monbus Obradoiro, Moncho Fernández, quixo agradecer “o apoio do Concello de Padrón e, ademais, quero dar un consello persoal: Todos os que non coñezades a Festa da Pascua de Padrón, animarvos a asistir porque é unha festa fantástica e, se ademais o deporte ten un protagonismo especial, moito mellor”.

ARRIBA