Moncho Fernández: “O Montakit Fuenlabrada sabe xogar moi ben e estano facendo con moita enerxía, por iso están onde están”

O Monbus Obradoiro recibe esta fin de semana ao Montakit Fuenlabrada, sétimos na clasificación e cabeza de serie na pasada Copa do Rei, para disputar a xornada 21 da Liga Endesa, este domingo, ás 18:00 horas.

O adestrador do Monbus Obradoiro, Moncho Fernández, compareceu esta mañá en rolda de prensa e explicou que, tras o parón pola Copa do Rei e as Ventanas FIBA “temos ganas de volver porque se fai raro nesta parte do ano estar parado. O noso obxectivo como adestradores é xuntar as dúas velocidades do equipo: Aqueles que levan case tres semanas adestrando aquí e os que veñen das Ventanas, con moita actividade en pouco tempo, viaxes, partidos en 3 días… Temos que conseguir que esas dúas velocidades converxan nunha soa para concentrarnos de novo na Liga Endesa”.

O Montakit Fuenlabrada incorporou esta semana a Karnowski, procedente do MoraBanc Andorra, ao que Moncho definiu como “un xogador moi interior, con moi bo poste baixo e un grandísimo pasador para a posición que ocupa. Vai dar fortaleza, rebote e coa baixa de Chema González, que se foi a Oviedo, vai dar esa referencia preto do aro”.

Sobre o seu rival, o técnico compostelán asegurou que “unha das grandísimas cousas que ten este equipo é que se adapta perfectamente a diferentes estruturas. Creo que este é un dos grandes méritos de que Montakit Fuenlabrada sexa o super equipo revelación do ano. Esperamos a un Fuenla que defende moi ben, tanto na presión ao balón como as liñas de pase. Son un equipo tácticamente moi rico, teñen moitos recursos tácticos con xogadores moi veteranos ou con moita experiencia, sobre todo os que xogan máis minutos, que interpretan moi ben o que quere o seu adestrador. Un dos grandes méritos, que por iso creo que están aí e que ten que ver con esta experiencia e saber estar, é a cantidade de partidos que gañou nos últimos instantes. É un equipo que non se pon nervioso nunca, saben xogar moi ben e estano facendo con moita enerxía, por iso están onde están”.

Moncho Fernández engadiu que “unha das súas armas é correr. Calquera dos exteriores e os catros conducen moi ben o balón. É un equipo moi rápido en contraataque. Creo que é unha das súas grandes bazas. Rebotean moi ben e van todos a rebote”.

“Na primeira volta, na súa pista, fixemos un moi bo traballo defensivo e empezamos moi ben. Estivemos moi centrados e iso deunos unha vantaxe que nos permitiu aguantar o arreón do equipo Fuenlabreño. Tamén quedo coa capacidade de reacción do equipo, porque houbo un momento que se foron de 12 puntos e fomos capaces de volver”, finalizou o adestrador do Monbus Obradoiro.

ARRIBA