Moncho Fernández: “O Herbalife Gran Canaria está ao nivel de Euroliga por dificultade, persoal e capacidade competitiva”

 

O Monbus Obradoiro prepara o seu próximo enfrontamento, para o que viaxará ata a pista do Herbalife Gran Canaria para disputar a xornada 22 da Liga Endesa, este domingo, ás 20:00, hora peninsular (Movistar Deportes 2, Dial 56 – Multideporte 5, Dial 195).

O adestrador do Monbus Obradoiro, Moncho Fernández, compareceu esta mañá en rolda de prensa e explicou que o Herbalife Gran Canaria “é un dos grandes rivais desta Liga. Está ao nivel dos de Euroliga en dificultade, en persoal e en capacidade competitiva. É un super equipo, moi potente, moi físico, moi grande e difícil, que ademais na súa pista fanse especialmente perigosos. Se perdes o balón son o equipo que máis puntos por posesión fan tras perda do rival”.

“É un equipo – continuou – no que están moi repartidos os minutos de xogo. Ao longo da tempada houbo cambios de roll. Agora mesmo están Radicevic, Oliver e Mekel de bases, xogando xuntos ou se combinan. No posto de escolta pode xogar Seeley ou Rabaseda agora, porque teñen a Eriksson lesionado. Nos pívots tamén combinan todas as posibilidades. Todos os xogadores xogan moitos minutos e moi repartidos porque o seu adestrador decidiuno así e para combinar a competición europea”.

O equipo canario xoga hoxe partido de competición europea recibindo ao Lokomotiv Kuban Krasnodar e sobre se isto fará chegar ao seu rival máis canso, Moncho Fernández respondeu que “estes equipos están afeitos a esta dinámica, por iso tamén teñen e confeccionan plantillas tan longas e de tanto nivel, porque todos os xogadores poden ser titulares. Todos teñen calidade suficiente para xogar. Hai unha repartición de minutos que fai que non estean saturados”.

PARTE MÉDICO HM HOSPITALES: Martins Laksa estivo na cama enfermo toda a semana. Matt Thomas non se incorporou aínda ao equipo pola fisura que sofre no meñique. Jordan Bachynski é baixa. 

ARRIBA