O Monbus Obradoiro ficha a Vladimir Brodziansky

O Monbus Obradoiro chegou a un acordo con Vladimir Brodziansky para a súa incorporación para as próximas dúas tempadas.

Trátase dun pívot eslovaco de 2,10 metros e 24 anos que procede da universidade de Texas Christian, onde promediou na súa última campaña 15.2 puntos (63.1% en tiros de dous, 33.9% en triplos e 82.2% en libres), 5.1 rebotes e 1.6 tapóns.

Internacional U20 e U18, acumula unha carreira universitaria de tres cursos (Mellor Equipo Defensivo da Conferencia Big12 en 2017). Anteriormente pasou por Pratt CC (Junior College), Canarias Basket Academy (1ª División Española) e BC Prievidza ( Extraliga Eslovaca). Vén de disputar a última Liga de Verán da NBA cos Cleveland Cavaliers (4.5 puntos e 2.8 rebotes).

“Vladimir é un xogador interior polivalente, capaz de xogar no poste baixo e tamén de ameazar co lanzamento. A súa capacidade de traballo, mellora física e intelixencia augúranlle un percorrido ascendente. Valoramos o feito de que nos esperara na situación especial de mercado na que nos atopabamos. Fichámolo para xa, pero tamén pensando no medio prazo”, afirma o director xeral do club, José Luis Mateo.

ARRIBA