Moncho Fernández: “Para gañar no Palau temos que facer moitas cousas ben, pero estamos capacitados para iso”

O Monbus Obradoiro prepárase para viaxar esta tarde a Barcelona e enfrontarse mañá sábado, ás 18:00 horas, ao Barça Lassa (#Imos, 8).

O técnico, Moncho Fernández, atendeu esta mañá aos medios en rolda de prensa e sobre o seu rival explicou que “desde o punto de vista defensivo, é un equipo con moitísimas solidez porque están moi dotados no 1x1 e teñen moita potencia física, tanto no xogo interior como no perímetro. Hai que destacar que é un equipo que traballa duramente, non escatima en ningún tipo de esforzo e todos os xogadores, desde o primeiro ao último, traballan moitísimo. É un dos equipos que mellor defenden desta Liga e aí cimentan gran parte do seu éxito. Ofensivamente é un equipo con moita calidade individual, pero o que máis destacaría é o esforzo individual e colectivo que fan no aspecto defensivo”.

Moncho destacou que “contan con moitos xogadores novos en postos importantes e outros que xa estaban pero viñan de estar lesionados. Co paso do tempo irán a máis. O partido de onte de Euroliga, ante Anadolu Efes, é unha boa mostra. A segunda parte, desde o aspecto defensivo, é espectacular”.

O adestrador compostelán asegura que “cando xogas contra un transatlántico como é o Barça Lassa, hai facer moitas cousas ben para gañar no Palau, pero estamos capacitados para facelo. Hai que ter moito acerto desde o punto de vista ofensivo e o máis básico é non regalarlles nada. É un equipo que a súa transición defensa-ataque é velocísima, das mellores de Europa. O que temos é non regalar nada a maiores. É normal perder balóns, pero cada agasallo que lles fagamos imos pagar. Debemos ter control no noso ataque para ser mellores na nosa defensa”.

ARRIBA