O Monbus Obradoiro organiza viaxe para que os seus afeccionados apoien ao equipo no seu partido ante Montakit Fuenlabrada

Comeza un novo ano para o Monbus Obradoiro, que disputará o seu primeiro partido do 2019 en Sar mañá domingo, ás 18:00 horas, ante MoraBanc Andorra.

O seu primeiro partido como visitante será a próxima semana, momento no que se enfrontarán ao Montakit Fuenlabrada (Sábado 12, ás 18:00 horas). O equipo necesita o apoio da súa afección para afrontar todas as xornadas da Liga e, por iso, o club organiza, xunto a Monbus, membro do Club de Empresas Obradoiro, unha viaxe para que os afeccionados poidan ir a Fuenlabrada para deixarse a voz neste encontro.

A saída do autobús será o propio día de partido, o sábado 12, ás 08:00 horas (AM) desde a porta principal de acceso ao Multiusos Fontes do Sar, e o regreso á conclusión do encontro.

Os membros das penas poderán comprar o seu pack de entrada e viaxe por 19€; os abonados, accionistas ou Amigos da Fundación Heracles por 24€; e o resto do público por 29€. Todos aqueles que se fagan con este pack de entrada e viaxe levarán de agasallo unha invitación en Tribuna 2 para o partido ante Unicaja (20 de xaneiro).

Os interesados poderán inscribirse ata o xoves 10 de xaneiro, ás 20:00 horas, nas oficinas do club ou mediante o correo electrónico abonados@obradoirocab.com, co nome e apelidos, data de nacemento, teléfono de contacto, número de abonado de ser o caso e xustificante do pago á conta ES92-2080-0375-1130-4001-6453.

Os menores de idade deberán ir acompañados dun adulto. No caso de que o adulto que os acompañe non sexa o pai ou a nai deberá entregar ao club unha autorización asinada por un dos pais especificando quen será o adulto que viaxe e responsabilícese do menor. A viaxe realizarase sempre que se cubra o número mínimo de prazas.

ARRIBA