O Monbus Obradoiro regala a vitoria á súa afección nun thriller ante MoraBanc Andorra (69-68)

O Monbus Obradoiro fixo un agasallo en forma de vitoria á súa afección, despois dun partido agónico, un thriller contra o Morabanc Andorra, que se decidiu na última acción do partido.

Contra Andorra en Santiago, partidos igualados

As visitas do Morabanc Andorra ao Fontes do Sar son sinónimo de partidos apertados, disputados ata o último segundo, con imaxes para o recordo. Aos santiagueses dáselles ben recibir ao combinado do Principado, con catro vitorias, incluída a desta tarde. Claro que en dous delas houbo prórroga e vitorias sobre a bucina, e a do primeiro partido de 2019 dirimiuse na última xogada despois dunha gran remontada dos homes de Ibon Navarro, que chegaron a perder por ata 17 puntos no terceiro cuarto.

Unha batalla gañada desde a defensa

Foi un partido a poucos puntos, con moitos fallos e gran intensidade na retagarda. Saltaron faíscas na pintura, cada canastra foi moi traballada e o acerto non foi alto por parte de ningún dos dous contendentes. Ao Monbus Obradoiro entráronlle os triplos en momentos moi concretos, con Ben Simons con catro acertos e o pleno de Albert Sàbat.

De ‘catros’ e ‘treses’ foi a contenda

Os homes máis destacados dos dous equipos foron os aleros e os á-pivots. No caso do Monbus Obradoiro, Kyle Singler xogou un partido notable (17 puntos, 19 de valoración), moi traballador en ambos os lados da cancha, intelixente para sacar vantaxes preto do aro, e entoado no terceiro cuarto con oito puntos consecutivos. Ben Simons desatascou desde a longa distancia (14 puntos, 12 de valoración) e Llovet volveu baleirarse, repartindo xogo (cinco asistencias) e contendo aos atacantes de Morabanc Andorra (12 puntos, 17 de valoración).

Por parte de Andorra, David Walker (14 puntos) e John Shurna (11) foron os estiletes do conxunto visitante, ademais do recentemente incorporado Jerome Jordan.

Remontada do Morabanc Andorra

O Monbus Obradoiro xogou moi ben durante todo o segundo cuarto e alcanzou a máxima diferenza chegado o ecuador do terceiro (55-38). Foron momentos nos que os locais defendían ben e atacaban mellor, anotando por fóra e tamén por dentro. Pero fixo retoques Navarro e se cortocircuitaron os galegos. O parcial de 3-21 ata o ‘ sorpasso’ visitante fixo palidecer á afección do Monbus Obradoiro, que detectou o estado de necesidade dos xogadores e apertou para levantarlles da lona.

Todos son importantes

Na vitoria do Monbus Obradoiro volveu resultar evidente a importancia do bloque e a achega individual de todos os xogadores que se vestiron de curto. Maxime de Zeeuw, a pesar dos seus problemas no xeonllo, non se borrou e elevou a tensión na pintura. Outro exemplo foi o caso de Kostas Vasileiadis. O alero grego, hiper vixiado polos defensores visitantes, estreou o seu marcador cando só quedaban segundos. Os dous tiros libres que serviron para dar a puntilla a Morabanc Andorra. Por último, Hlinason, axigantouse na pintura para frear a Jordan e para imposibilitar o alley- oop do pívot na última xogada, cando restaban sete décimas.

100 vitorias de Moncho, Gonzalo e Víctor co Monbus Obradoiro en ACB

O triunfo contra o Morabanc Andorra foi especial para os tres adestradores do Monbus Obradoiro, que cantaron as cen vitorias no banco obradoirista na elite. Desde a primeira, lograda en Gipuzkoa, ata chegar ao centenar, Moncho Fernández, Gonzalo Rodríguez e Víctor Pérez levaron ao Monbus Obradoiro a gañar nas prazas máis complicadas da liga e a enlazar a permanencia durante sete tempadas consecutivas.

Coa sexta vitoria no peto viaxará o Monbus Obradoiro a Fuenlabrada (sábado 12, 18:00 horas) antes de recibir ao Unicaja de Málaga en Sar. O club organiza para a súa afección unha viaxe para que o equipo obradoirista sentan arroupado no seu partido ante Montakit Fuenlabrada.

A saída do autobús será o propio día de partido, o sábado 12, ás 08:00 horas (AM) desde a porta principal de acceso ao Multiusos Fontes do Sar, e o regreso á conclusión do encontro.

Os membros das peñas poderán comprar o seu pack de entrada e viaxe por 19€; os abonados, accionistas ou Amigos da Fundación Heracles por 24€; e o resto do público por 29€. Todos aqueles que se fagan con este pack de entrada e viaxe levarán de agasallo unha invitación en Tribuna 2 para o partido ante Unicaja (20 de xaneiro).

Os interesados poderán inscribirse ata o xoves 10 de xaneiro, ás 20:00 horas, nas oficinas do club ou mediante o correo electrónico abonados@obradoirocab.com, co nome e apelidos, data de nacemento, teléfono de contacto, número de abonado de ser o caso e xustificante do pago á conta ES92-2080-0375-1130-4001-6453.

Íñigo Caínzos – Obradoiro CAB

 

FICHA TÉCNICA

Monbus Obradoiro 69: Sàbat (6), Vasileiadis (2), Singler (17), Llovet (12), Brodziansky (3) – quinteto inicial – Simons (14), de Zeeuw (8), Navarro (-), Hlinason(2), Pozas (0) e Laksa (-).

Morabanc Andorra 68: Albicy (4), Vitali (2), Walker (14), Shurna (11), Diagne (0) – quinteo inicial – Luz (7), Stevic (4), Colom (3), Upshaw (6), Ennis (5) e Jordan(12).

Árbitros: Fernando Calatrava, Luís Miguel Castelo e Arnau Padros.

Parciais: 17-16, 21-11, 20-24 e 111-17.

Incidencias: Partido correspondente á xornada 15 da Liga Endesa, disputado no Multiusos Fontes do Sar, ante 4.284 espectadores.

ARRIBA