O Monbus Obradoiro e Gadis entregan 610 quilos de produtos ao Albergue Juan XXIII grazas ao Partido Solidario

O Monbus Obradoiro e Supermercados Gadis fixeron entrega ao Albergue Juan XXIII de Santiago de Compostela de 610 quilos de alimentos non perecedoiros e produtos de hixiene, grazas ás entradas vendidas no Partido Solidario disputado o pasado 23 decembro ante o BAXI Manresa no Multiusos Fontes do Sar.

O pasado mes de decembro, habilitouse unha promoción na que, por compras superiores a 40€ en Supermercados Gadis, os clientes podían adquirir ata catro entradas, a 10€ cada unha, nos puntos de venda de Santiago de Compostela, Negreira, Meixonfrío, Ordes, Padrón, Bertamiráns e Teo. Nesta última edición, foron trocados 298 tickets e Gadis doou 1 quilo de produto por cada entrada vendida, achegando 610 quilos.

Ao acto de entrega acudiron Joaquín Pulleiro, director do Centro Cultural Social Juan XXIII; Román Roo, delegado de área de Santiago, e José Luis Fernández Astray, director de comunicación, en representación de GADISA; Albert Sàbat, xogador do Monbus Obradoiro, e Daniel Agra, director de márketing e comercial do club.

José Luis Fernández detallou que “para nós esta iniciativa é moi importante. Xa é o sexto ano que a desenvolvemos e está a ter uns resultados excelentes, xa que vai crecendo a recollida de alimentos, alcanzando os 610 quilos. Queremos agradecer a todas as persoas que colaboraron, tanto clientes de Gadis, como socios e afeccionados do Obra, e confiamos en que na próxima edición consigamos reunir moitos máis produtos para unha causa tan importante”.

Daniel Agra explicou que “desde o club agradecemos un ano máis a Gadis por esta iniciativa solidaria. Grazas a esta unión, podemos axudar aos que máis o necesitan, neste caso aos compañeiros do Albergue Juan XXIII, e moita xente puido asistir ao partido a un prezo reducido”.

Joaquín Pulleiro agradeceu a Gadis e ao Monbus Obradoiro “por estar aí todos os anos. Iso significa que mostrades interese por aquelas persoas que o están pasando mal. Animámosvos a que sigades facéndoo e agradecemos a vosa xenerosidade. Moita xente está a pasalo mal e isto é facer sociedade”.

O xogador obradoirista, Albert Sàbat, resaltou “a importancia deste tipo de iniciativas entre o club e os seus patrocinadores. Únense por unha gran causa solidaria, que é axudar a aqueles que máis o necesitan e dá resultados. Oxalá, como ben dixeron, siga aumentando o apoio ano tras ano e doemos moitos máis quilos”.

Por sexto ano consecutivo, Supermercados Gadis e o Monbus Obradoiro uníronse para mellorar a situación das persoas menos desfavorecidas. Desde 2013, primeira vez na que se celebrou o Partido Solidario, a cantidade de produtos recadados supera os 3.000 quilos, incrementándose edición tras edición.

ARRIBA