Moncho Fernández: “O noso 1x1 defensivo será fundamental”

 
O Monbus Obradoiro está inmerso nunha semana máis de traballo para preparar o partido deste sábado, ás 18:00 horas, na pista do Montakit Fuenlabrada (Movistar Deportes – Dial 53).
O técnico obradoirista explicou que “a derrota no último encontro do seu rival ante JDA Dijon Basket non é mostra de quen son, porque apenas xogaron minutos Clark, Kravtsov, Akognon, Popovic, Eyenga… Estiveron en pista xogadores menos habituais”.
 
Sobre as últimas derrotas do conxunto de Fuenlabrada na Liga Endesa, Moncho Fernández asegura que “fíome moi pouco desas análises globais. Cando os vexo como equipo sei o perigo que teñen, do que son capaces e da talla dos xogadores que teñen. Fuenlabrada está formado por xogadores que teñen moito carácter e con personalidade. Á marxe das vitorias e derrotas, estou convencido de que ían saír igual co coitelo entre os dentes. Estamos preparados para atoparnos o ambiente que sempre che atopas en Fuenlabrada: unha afección que se envorca moito co seu equipo e moi quente, con xogadores encorajinados… Todos os partidos son finais. Ademais, están a disputar co Movistar Estudantes entrar na Copa do Rey como anfitrións, así que será un partido moi importante para eles”.
 
O adestrador compostelán resalta que “en Fuenlabrada, sempre son partidos moi duros porque o rival é un equipo que pelexa moito e espero que nós tamén esteamos á altura que require este partido. Temos que ser capaces de xogar e de ter ese carácter. Estamos preparados. Non teño medo. Estou contento coa liña que está a seguir o equipo, que está a ser ascendente, e espero que o demostremos en Fuenlabrada”.
 
Preguntado sobre se Paco Cruz é o gran termómetro do equipo rival, o técnico detallou que “sería simplificar moito. Paco Cruz é un xogador moi importante e ten moito protagonismo. Pero esquecerse de Tomás Belas, Rupnik, Eyenga, Akognon, Kravtsov, Dani Clark… Sería un erro centrarnos nun só xogador”.
 
Moncho Fernández confesa que as claves do partido estarán en “controlar moito as súas individualidades, porque teñen moi bos xogadores no 1x1. Hai que controlar o seu ritmo de ataque. É un equipo que desprega especialmente na súa casa o contraataque, que xoga moi ben para finalizar en accións de 1x1… Temos que controlar as primeiras ondas do ataque fuenlabreño. Na media pista, o 1x1 vai ser fundamental porque eles teñen moi bos xogadores no perímetro capaces de anotar e de xerar para os compañeiros”.
ARRIBA