Albert Sàbat: “A bancada estivo espectacular. Deunos moita forza”

Pescamar doará cinco quilos de conservas grazas ás asistencias de Sàbat

O Monbus Obradoiro conseguiu facerse coa oitava vitoria da tempada ante UCAM Murcia e un dos seus xogadores destacou entre ‘Os Máis’ polos seus cinco triplos: Albert Sàbat.

O base obradoirista sumou un total de 17 puntos, chegando 15 deles desde máis aló da liña de 6,75, cun 5/6 en triplos. Esta é a terceira vez que Sàbat se coa entre ‘Os Máis’ esta tempada e, neste caso, Pescamar, membro do Club de Empresas Obradoiro, doará cinco quilos de conservas ao Banco de Alimentos de Pontevedra.

Sàbat confesou estar “moi contento a nivel persoal pero, sobre todo, porque o equipo gañou un partido de mérito a través da garra e o esforzo. Conseguimos a oitava vitoria da tempada en casa, co apoio incondicional da bancada desde o minuto uno. Estiveron espectaculares e déronnos moita forza”.

O xogador asegura estar “encantado poder axudar co noso traballo. É unha gran iniciativa solidaria que estamos encantados de cumprir. Sempre que sae alguén do equipo como destacado alegrámonos de poder axudar”.

Sobre a vitoria do equipo a pasada fin de semana, o base explica que “estivemos moi ben. Xogamos coa intensidade que requiría o partido e soubemos atopar boas opcións en todo momento para chegar ao final co partido encarrilado”.

O próximo rival do conxunto de Moncho Fernández é Valencia Basket, ao que Albert definiu como “un equipo que conta cun gran persoal. É un dos grandes da Liga Endesa. Temos que ir coa mentalidade de facer unha boa defensa e, en ataque, tentar xogar ao noso ritmo e controlando as perdas como conseguimos nos últimos encontros”.

ARRIBA