Ben Simons, elixido Xogador Estrella Galicia do mes de marzo

Esta mañá fíxose entrega no Mesón 42 do premio ao Xogador Estrella Galicia do mes de marzo do Monbus Obradoiro, que recaeu por primeira vez esta tempada en Ben Simons.

O galardón foi entregado polo delegado de Hijos de Rivera en Santiago de Compostela, Guillermo Fernández, e polo propietario do Mesón 42, membro do Club de Empresas Obradoiro, José Ribas.

Un mes máis, os afeccionados do equipo exerceron de xuíces e fixeron chegar os seus votos a través das redes sociais do club. Así, a afección converteu a Ben Simons no Xogador Estrella Galicia de marzo. Esta foi a decisión máis igualada ata a data xa que dos votos emitidos a través de Facebook e Twitter, o 50% decantouse por Ben Simons, mentres que o 48% fíxoo por Nacho Llovet e o 2% restante a Vladimir Brodziansky.

O xogador declarou no acto de entrega que recibe o galardón con sorpresa xa que ”temos bos xogadores no equipo que están a facer grandes actuacións, e podía ser para calquera deles. É unha honra conseguilo e estou moi contento de estar aquí para recibilo. Anotar dez triplos é un gran logro individual, pero fun máis feliz ao gañar en Burgos. É unha pista moi difícil de superar e fun feliz por poder axudar ao equipo para conseguir a vitoria”.

Os obradoiristas visitan este domingo, ás 12:30 horas, ao Real Madrid e o alero americano asegurou que “é o campión de Euroliga. É unha cancha moi difícil para xogar, pero xa gañamos en pistas moi complicadas: Valencia, Gran Canaria ou Burgos. Nada é imposible. Sabemos que teremos que facer un gran partido e estamos seguros de que daremos o mellor de nós mesmos”.

Ben destacou que no banco rival “teñen gandes xogadores e un plantel moi longo. Obviamente, todos sabemos do que é capaz de facer o Real Madrid, pero nós temos bo equipo e demostramos que competimos ante todos os rivais. Estamos a traballar duro desde o pasado luns para estar preparados o domingo”.

ARRIBA