Boiro despide o VII Campus Obradoiro Jealsa – Cabreiroá cunha xornada de adestramentos e competicións

Esta tarde, as instalacións deportivas do Concello de Boiro quedaron baleiras tras a clausura do VII Campus Obradoiro Jealsa – Cabreiroá.

Despois de cinco incribles días de convivencia, compañeirismo e moito baloncesto, tocou despedirse desta sétima edición do Campus nunha última xornada de adestramentos e competicións, ante a atenta mirada dos familiares.

O sábado comezou cunha hora de adestramentos para todas as categorías. A continuación, todos os grupos foron trasladados ao pavillón de Santa Baia, lugar no que se disputarían as competicións finais.

Os máis pequenos foron os encargados de inaugurar esta festa de despedida. Primeiro disputouse o concurso de habilidades, a continuación, o concurso de tiro por parellas, concurso de triplas e a súa quenda finalizou cun 3x3.

Nada máis rematar puxéronse ao choio os infantís, cadetes e junior, que realizaron as mesmas competicións, pero engadindo ao final un 5x5.

O acto finalizou coa entrega de premios para os gañadores e dos diplomas para todos os inscritos. Nesta entrega, estiveron presentes a directora de relacións institucionais de Jealsa Rianxeira, Margarita Hermo, o concelleiro de Deportes de Boiro, Marcos Fajardo, e o tenente alcalde, Luís Ruiz.

Así, o Monbus Obradoiro despide outra exitosa edición do seu Campus de Verán, no que, ademais de cinco xornadas de baloncesto, praia e diversión, tamén gozaron coas visitas dos xogadores obradoiristas, Pepe Pozas e David Navarro.

ARRIBA