Kostas Vasileaidis: “Estou moi feliz por seguir na miña casa”

Kostas Vasileaidis e o Monbus Obradoiro continuarán xuntos, como mínimo, outra tempada máis, tras o acordo alcanzado entre ambas as partes.

O aleiro grego, na súa terceira etapa en Santiago de Compostela, promediou 13.9 puntos, 2.2 rebotes e 2.0 asistencias en 22.7 minutos (31 partidos), destacando especialmente os 95 triplos que o converteron no mellor da pasada Liga Endesa na especialidade, cunha porcentaxe do 38.9%.

“O mellor para min era seguir no Monbus Obradoiro. É a miña casa, por estou moi feliz e ilusionado coa nova tempada. Teño moitas ganas de empezar, axudar ao equipo e facelo o mellor posible”, afirma o xogador desde terras helenas.

Vasileiadis asegurou que poderá “achegar a experiencia que teño aos novos compañeiros, sobre todo aos que virán xogar por primeira vez a Europa. Podereilles axudar a entender o noso estilo de xogo e os seus sistemas, pero tamén coa cidade e todo o que van atopar no seu día a día”.

Sobre o comezo da próxima tempada, o xogador detallou que “sempre hai moita ilusión e moitas ganas de empezar a traballar. De coñecer aos novos compañeiros e poder axudarlles para formar un grupo moi unido, que traballe para competir en todos os partidos. Todos queremos facelo o mellor posible e transmitirémosllo á nosa afección, que coa súa axuda e presenza no pavillón nós colleremos forzas e farémolo o mellor posible para gozar con eles”.

Pola súa banda, o director xeral do club, comentou o seguinte: “A continuidade de Kostas é unha boa noticia para o equipo e para o club. Seguirá sendo un xogador importante non soamente dentro da pista, achegando o seu lanzamento exterior e, sobre todo, a súa experiencia e exemplo cos máis novos”.

ARRIBA