O Monbus Obradoiro ficha a Mike Daum

O Monbus Obradoiro chegou a un acordo con Mike Daum para a tempada 2019/20.

Este ala-pívot de 2,06 metros e 23 anos procede da universidade de South Dakota State, coa que promediou 25.3 puntos (57.9% en tiros de dous, 37.0% en triplos e 83.8% en libres), 11.7 rebotes e 1.0 tapóns en 33.3’ minutos de xogo (33 partidos), durante a pasada tempada, completando desta maneira un exitoso ciclo escolar: gañador da súa conferencia (Summit League) en 2016, 17 e 18, sendo MVP do torneo os tres anos e Xogador do ano en 2017, 18 e 19.

Nado en Kimball (Nebraska), o norteamericano disputou recentemente a NBA Summer League de Las Vegas cos Portland Trail Blazers (4.0 puntos e 2.7 rebotes en 12.0 minutos).

“Completamos o xogo interior e o equipo con Mike, un xogador cunha notable capacidade anotadora, xa sexa no poste baixo ou a través do lanzamento exterior. O seu coñecemento do xogo e polivalencia permitiranlle formar parella co resto dos interiores que temos. Aínda que notará un gran salto no relativo á esixencia física, vémolo preparado para a dura e á vez atractiva Liga Endesa que se nos aveciña”, afirma o director xeral do club, José Luis Mateo.

ARRIBA