Todos os abonados do Monbus Obradoiro recibirán de agasallo a nova bufanda da tempada 2019/20, con Estrella Galicia e Cabreiroá
- Categoría: NOVAS
- Published: Venres, 02 Agosto 2019 16:18
A Campaña de Abonos #paseoquepase continúa en marcha para que todos os afeccionados renoven os seus carnés e para seguir sumando novos obradoiristas á familia.
O club, da man de Estrella Galicia e Cabreiroá, quixo que todos os abonados e abonadas obteñan un agasallo moi especial para darlles as grazas polo seu apoio incondicional: a Bufanda Oficial da Tempada para alzala ben alto cantando o Miudiño.
Así, os abonados menores de idade recibirán unha bufanda coa palabra ‘Obra’ en cor vermella, coa imaxe de Cabreiroá e os hashtags #paseoquepase e #SomosObra.
En canto aos abonados adultos, levarán unha bufanda coas palabras ‘Obradoiro’ e ‘Santiago de Compostela’ en cor negra e vermella, coa imaxe de Estrella Galicia e os hashtags #paseoquepase e #SomosObra.
Os abonados poderán facerse coa súa bufanda ao retirar o seu abono na Presentación Oficial do equipo, da que se darán a coñecer todos os detalles nos próximos días, así como na fase posterior de recollida de carnés.