Menos de 30 días para manter o asento en Sar e vibrar co Monbus Obradoiro da tempada 2019/20

En sete días a plantilla do Monbus Obradoiro comezará a súa primeira semana de adestramentos ás ordes de Moncho Fernández e o seu corpo técnico, cos compromisos de pretemporada xa definidos.

A Liga Endesa comezará ben forte, con dobre xornada entre semana e, á espera de coñecer o calendario de enfrontamentos, o club quere lembrar aos abonados que queiran manter o seu asento da tempada pasada teñen menos de 30 días para renovar o seu abono a través da web do club ou nas oficinas.

A partir do 3 de setembro, os asentos dos abonados que non renovasen serán liberados, quedando dispoñibles para novos afeccionados ou aqueles que queiran cambiar de asento.

Este aspecto é fundamental xa que un dos compromisos máis especiais de pretemporada será ver ao equipo no Torneo Xacobeo 2021 en Sar, recibindo ao Barça Lassa, e os abonados poderán velo desde o seu asento por tan só 3€. Estes asentos estarán bloqueados ata o domingo 8 de setembro e quedarán liberados para a súa venda no caso de que o abonado non compre esa entrada.

Os abonados poderán mercar entradas adicionais a 9€ en calquera asento libre (utilizando o código promocional formado polo seu NIF seguido do seu número de abonado). En canto ao público xeral, poderán facerse con entradas a 19€ en calquera zona do pavillón, e os de tarifas Infantil e Xuvenil por 9€. A recadación será destinada integramente ás categorías inferiores.

ARRIBA