Earl Calloway: “Estou a desexar que comece a tempada”

A plantilla do Monbus Obradoiro iniciará os adestramentos de forma oficial a próxima semana, cando o corpo técnico e os xogadores veteranos darán a benvida ás novas caras.

Unha das incorporacións que achegará experiencia será Earl Calloway. O base procede do Afyon turco, co que promediou 10.1 puntos (48.5% en tiros de dous, 41.7% en triplos e 81.8% en libres), 4.7 asistencias e 1.3 recuperacións en 28.5 minutos (24 partidos) na pasada tempada.

Nas súas primeiras declaracións como obradoirista, o base confesou que “decidín vir xogar ao Monbus Obradoiro porque é unha gran oportunidade para min. Estou moi emocionado e desexando que chegue o momento de estar alí”.

Sobre a súa achega ao equipo, Calloway detallou que poderá “achegar experiencia de liderado” e que os seus compañeiros a el “achegaranme enerxía e mocidade”.

O xogador explicou que “no seu momento falei con Moncho Fernández e explicoume todo sobre o equipo e a súa filosofía. Tamén falei con algúns compañeiros de equipo para que me explicasen cousas sobre o club. Estou a desexar que empece a tempada”.

O base obradoirista destacou que lembra a Caldeira de Sar e á súa afección: “Vin varios vídeos e acórdome perfectamente de todo de cando xogaba en España”.

ARRIBA