Moncho Fernández: “Espero que a xente responda acudindo ao EncestaRías para que se manteña este torneo”

O Monbus Obradoiro disputará mañá o seu primeiro amigable de pretemporada na quinta edición do Torneo EncestaRías, en Vilagarcía de Arousa.

O torneo inaugurarase coa primeira semifinal entre o San Pablo Burgos e o Alba Berlín. Os de Moncho Fernández enfrontaranse na segunda semifinal ao Coosur Real Betis, dirixido por Curro Segura, ás 21:15 horas no pavillón de Fontecarmoa.

O técnico obradoirista destacou o gran esforzo da organización deste torneo: “Só temos palabras de eloxio. Son xente moi involucrada, á que lle gusta moito e quere moito ao baloncesto e esfórzanse moito para sacar un torneo dun nivel altísimo. É un circuíto de pretemporada con equipos ACB e o Alba de Berlín. Creo que o mérito que teñen Diego Doval e os seus compañeiros é enorme. Temos unha gran relación porque levan no mundo do basket toda a vida, como adestradores, como xogadores, como profesores… É digno de eloxio e espero que tanto a xente de Vilagarcía, como a de Santiago e do basket galego responda acudindo ao EncestaRías, a Fontecarmoa, para que se manteña este pedazo de torneo”.

Moncho Fernández explicou que estes primeiros partidos “non teñen maior significado que ser os primeiros amigables de pretemporada. Estes partidos forman parte do adestramento e da preparación. Serve para medir o que traballaches contra outras caras. Agora mesmo os obxectivos da competición son que eles se vaian coñecendo, que se vaian xerando esas relacións que só o xogo pode dar, aplicar as cousas que estamos a traballar… Non ten máis, nin menos, obxectivo que ese. Sobre o noso primeiro rival (Coosur Real Betis), se que xogadores teñen. Estarei máis pendente do que fagamos nós. O noso obxectivo é facer as cousas ben, que o que estamos a traballar reflíctase na pista, que eles se vaian coñecendo, etc”.

A afección obradoirista está ansiosa por ver en acción ao conxunto obradoirista e o adestrador detallou que “mañá verán a un equipo que leva completo unha semana adestrando e, en global, tres semanas. Verán, como en case todos os partidos de pretemporada de todos os equipos, altibaixos, momentos bos e malos, máis erros e cansazo do habitual… O lóxico nestas datas, cando levas tan pouco tempo e con tanta xente nova. Pero estes partidos son fundamentais para que o equipo se coñeza, mellore e vaia collendo o ritmo de partido”.

ARRIBA