O Monbus Obradoiro cae ante un físico Coosur Real Betis no seu primeiro amigable de pretemporada

O Monbus Obradoiro disputou o seu primeiro amigable da pretemporada con gran presenza da afección obradoirista na bancada, estreándose cunha derrota ante o Coosur Real Betis no Torneo EncestaRías (92-97).

A plantilla compostelá viviu un ambiente típico de pretemporada, coa posta en escena do adestrado nas últimas semanas, primeiros minutos en pista das novas caras, primeiras sensacións e, sobre todo, buscando que as pezas do ‘quebracabezas obradoirista’ se coñezan entre si para ir encaixando á perfección.

Neste primeiro encontro, os de Moncho Fernández enfrontáronse a un atlético e físico Coosur Real Betis, que serviu como mostra do nivel de esixencia que terá a Liga Endesa esta tempada.

O Monbus Obradoiro comezou forte marcando o ritmo do partido, con Brodziansky e Kravic achegando puntos desde a pintura. Magee atopábase cómodo desde a liña de triplo e sumaba anotación para o seu equipo, finalizando o primeiro cuarto cun 29-25 no electrónico.

Da man de Rivers e Whittington, os béticos reaccionaron no segundo tempo, impoñendo unha agresiva defensa que conseguía frear as canastras fáciles dos galegos. Os obradoiristas non atopaba o acerto e non estaban cómodos no rebote defensivo, cedendo segundas oportunidades ao rival. O Coosur deulle a volta ao marcador e chegou ao descanso seis puntos por encima (44-50).

Na segunda parte, o Monbus Obradoiro sempre estivo preto no marcador, pero non conseguía poñerse por diante, mesmo tras canastras de moito mérito de Vasileiadis e un 3+1 de Czerapowicz.

O empate chegou a falta de 5 minutos para finalizar o encontro (82-82), pero os sevillanos conseguiron manter a distancia mínima e fixéronse co partido por 92 a 97.

O conxunto compostelán terá esta tarde o seu segundo test de pretemporada, disputándose o terceiro posto do Torneo EncestaRías, ante o Alba Berlín (18:00 horas).

 

FICHA TÉCNICA

Monbus Obradoiro 92: Kravic (17), Magee (13), Brodziansky (23), Calloway (3), De Zeeuw (-), Spires (2), Navarro (3), Daum (4), Muñoz (3), Czerapowicz (13), Pozas (5) e Vasileiadis (6).

Coosur Real Betis 97: Enechionyia (8), Conger (6), Rivers (16), Malmanis (7), Oliver (7), Borg (14), Niang (2), Almazan (6), Martín (-), Marín (-), Sipahi (14) e Whittington (17).

Parciais: 29-25, 15-25, 26-25 e 22-22.

Árbitros: Pérez Pérez, Lucas e Caamaño.

ARRIBA