O Obradoiro Peleteiro, campión da Copa Galicia Junior

O equipo, o Obradoiro Peleteiro, disputou as semifinais e final da Copa Galicia Junior, no pavillón municipal de Tui.

Os obradoiristas venceron nas semifinais ao Estudiantes de Lugo, nun partido igualado ata os minutos finais. Os lucenses demostraron desde o principio a súa capacidade defensiva cun gran nivel de intensidade que facía ao Obradoiro Peleteiro perder varios balóns, e unha alta porcentaxe de acerto, que lles xerou unha vantaxe de 12 puntos ao descanso.

Tras o paso polos vestiarios, o Obra ensinou a súa outra cara. A partir dunha gran defensa, conseguiu parar ao Estudiantes e sumar desde o contraataque. Os obradoiristas melloraron o seu acerto exterior e déronlle a volta ao marcador.

Quedaba todo por decidir no último cuarto, chegando igualados aos minutos finais, pero os obradoiristas foron capaces de anotar canastras craves e clasificarse para disputar a final da Copa Galicia (65-71).

Na Final, o Obradoiro Peleteiro enfrontouse ao CB Tui Mascato, nun partido no que os dous equipos demostraron a súa motivación e intensidade desde os compases iniciais. Os locais conseguiron as primeiras vantaxes no marcador, pero reaccionaron rápido os composteláns para igualar o marcador con ata catro triplos nos primeiros minutos para chegar igualados ao final do primeiro cuarto.

No segundo cuarto, os dous equipos creceron en defensa, non permitindo canastras en contraataque. O equipo de Tui castigaba desde o poste baixo e o Obra atopaba máis éxito desde o perímetro. O cuarto finalizou con 47-47.

Igual que no partido anterior, os xogadores do Obra saíron motivados tras o descanso, axustando a defensa para deixar o Tui en só once puntos no terceiro cuarto. Así, os obradoiristas atoparon por primeira vez o seu ritmo de xogo e volvéronse a poñer por diante no marcador.

Foi desta forma, no último cuarto, cando os obradoiristas deron mostra de todo o seu potencial e terminaron por romper o encontro para alzarse como campións da Copa Galicia Junior.

Os parciais por cuartos foron: 25-25, 22-22, 11-19 e 12-28.

A próxima fin de semana, o Obradoiro Peleteiro debutará na Liga Galega Junior visitando ao Instituto Rosalía de Castro, o domingo, ás 19:00 horas.

ARRIBA