O Monbus Obradoiro xogará con equipamento rosa ante o Real Madrid, no Día Mundial contra o cancro de mama

Esta fin de semana, o Monbus Obradoiro disputará a cuarta xornada da Liga Endesa en Tenerife (sábado 12, 20:30 horas).

Non será ata o sábado 19 de outubro cando volva xogar ante a súa afección para recibir ao Real Madrid (20:30 horas), actual Campión de Liga.

Con motivo do Día Mundial contra o Cancro de Mama, o Monbus Obradoiro cambiará o seu equipamento de xogo a unha moi especial de cor rosa na xornada 5.

Neste partido realizaranse diferentes accións da man da Asociación contra o Cancro de Mama Metastásico e, ademais de ter presenza no pavillón para informar os afeccionados sobre o tema, o Monbus Obradoiro doará os equipamentos de xogo asinados a esta Asociación, para que poidan poxalas para reunir o máximo diñeiro posible e destinalo a investigación.

A Asociación CMM naceu para fomentar o coñecemento social e avanzar no tratamento do Cancro de Mama Metastásico como unha fase ou estadio do cancro de mama que necesita unha aproximación diferente que a que se aplica aos estadios temperáns da enfermidade. Ten como obxectivo dar visibilidade aos pacientes con cancro de mama metastásico, apoiar ás pacientes nesa etapa e obter fondos para a investigación en metástase de mama.

Así, todos os afeccionados que queiran facerse con esta edición especial e limitada da camiseta de xogo, poderán facelo na Miudiño Store o propio día do partido. Os abonados poderán mercala por 36€ (con nome e dorsal por 45€) e os non abonados por 40€ (con nome e dorsal por 50€). Ademais, aqueles que o desexen poden reservala desde hoxe mesmo a través de Deportes Caneda, enviando un correo electrónico a info@deportescaneda.com.

Aqueles que non se queiran perder este encontro, poden facerse coas súas entradas a un prezo xeral de 29€ en Fondos, 35€ en Tribunas 2, a 45€ en Tribunas 1 e a 59€ en Retráctil. O prezo para as entradas en tarifa Xuvenil (de 13 a 17 anos) será de 25€ en Fondos, 29€ en Tribuna 2, 35€ en Tribuna 1 e 49€ en Retráctil. E, por último, o prezo das entradas na tarifa Infantil (de 5 a 12 anos) será de 21€ en Fondos, 25€ en Tribuna 2, 29€ en Tribuna 1 e 35€ en Retráctil.

As entradas pódense comprar a través da páxina web do club ( https://venda- obradoiro. t2v. com/entradas/ver/ide/201920004) ou nas oficinas, de luns a venres, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.

ARRIBA