O Monbus Obradoiro e a Fundación Heracles asinan co Concello de Ordes un convenio para a creación dunha escola deportiva de baloncesto

Esta mañá, o Monbus Obradoiro e a Fundación Heracles asinaron un convenio de colaboración co Concello de Ordes para a creación da escola deportiva de baloncesto no municipio.

Na firma oficial do acordo estiveron presentes o alcalde de Ordes, José Luis Martínez; o membro do consello de administración do Monbus Obradoiro, Óscar Rodríguez; e o presidente da Fundación Heracles, Pepe Casal.

A escola, que se chamará ‘Ordes Obradoiro’, estará dirixida por adestradores da canteira do Obradoiro CAB e esta actividade non se fará esperar, xa que comezará mañá mesmo, xoves 10 de outubro, no pavillón Campomaior, en horario de tarde.

Estará orientada ao baloncesto de formación, centrándose nas categorías Babybasket, Premini, Mini e Infantil, e terá vixencia no curso escolar 2019/20.

Entre outras actividades, os rexistrados na escola deportiva recibirán visitas de xogadores e adestradores do equipo ACB e EBA; poderán asistir a partidos do primeiro equipo; e beneficiaranse de importantes descontos para participar nos campus de nadal e verán organizados polo club.

ARRIBA