O Monbus Obradoiro, aliado da Xunta de Galicia na súa Campaña para visibilizar e erradicar a violencia de xénero

A Xunta de Galicia e o Monbus Obradoiro asinaron un convenio de colaboración co que se desenvolverán diferentes iniciativas e actividades nas que o club apoiará a difusión dunha campaña contra a violencia machista.

Así se deu a coñecer esta mañá na firma, na que estiveron presentes o vicepresidente da Xunta de Galicia e Conselleiro da presidencia, administracións públicas e Xustiza, Alfonso Rueda; o secretario Xeral para o Deporte, Jose Ramón Lete; a secretaria Xeral da Igualdade, Susana López; o presidente do Monbus Obradoiro, Raúl López; e Rosa Rodríguez e Lupe Murillo, membros do Consello de Administración do club.

A encargada de inaugurar a quenda de intervencións foi a secretaria Xeral da Igualdade, quen incidiu en que “o deporte transmite á sociedade valores moi importantes como o traballo, o esforzo, a participación en equipo, o respecto polos demais ou a dedicación. Por iso, considero fundamental esta colaboración entre o Goberno galego e os clubs profesionais, para educar e concienciar aos adolescentes, que en moitos casos teñen referentes e ídolos no mundo do deporte, na importancia de convivir en igualdade”.

O capitán do Monbus Obradoiro, Pepe Pozas, falou en nome de todo o persoal: “Os deportistas profesionais temos moitas responsabilidades, pero unha das máis importantes é poder ser un exemplo para a sociedade, sobre todo para os máis novos. Grazas a este convenio ao que nos sumamos, faremos todo o que estea nas nosas mans para axudar a crear unha sociedade máis xusta e concienciar sobre a importancia da igualdade. Por iso comprometémonos a visibilizar e ser os mellores aliados na loita contra a violencia de xénero”.

A continuación, tomou a palabra o presidente do Monbus Obradoiro, Raúl López, quen comezou dando as grazas á Xunta de Galicia e a Deporte Galego “por pensar en nós como un excelente vehículo de comunicación para esta Campaña pola loita contra a Violencia de Xénero. O deporte ten un gran potencial de chegada á sociedade, e que mellor que o único club da provincia na elite do baloncesto español para exercer de altofalante desta importante mensaxe. As empresas privadas (nós temos máis de cen) e institucións deben aproveitar que os referentes e ídolos dos máis novos son, sen dúbida, uns excelentes transmisores de valores e, por extensión, embaixadores de campañas como esta, que aspiran a lograr unha educación sen discriminación. Por iso, desde o Monbus Obradoiro, comprometémonos a transmitir á sociedade os valores de igualdade, tolerancia e respecto no mundo do deporte e da vida diaria da sociedade. E farémolo a través de distintos soportes e accións, como dedicar un partido a esta importante causa”.

Pola súa banda, o secretario Xeral para o Deporte, destacou “a importancia do baloncesto na sociedade, así como as múltiples posibilidades pedagóxicas e didácticas dunha disciplina deportiva que desenvolveu ao mesmo tempo as súas vertentes masculina e feminina e converteuse nunha das modalidades de máxima igualdade no deporte. O baloncesto en Galicia conta con preto de 15.000 licenzas federativas, das que preto do 40% son femininas”.

O encargado de clausurar o acto foi o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen destacou que “o deporte galego é un escaparate perfecto para poñer en valor o ámbito deportivo como ferramenta de loita pola tolerancia, a igualdade e contra a violencia machista. Quero agradecer a colaboración do Monbus Obradoiro coa Xunta para desenvolver medidas ao amparo do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. No caso dos equipos de alta competición deportiva profesionais como o Monbus Obradoiro, o seu impacto nos medios e na sociedade contribúe a interiorizar entre os nenos e nenas e na mocidade a igualdade como un valor esencial para a convivencia entre mulleres e homes”.

ARRIBA