Aleix Font: “Cando ves unha opción que che parece tan boa, vas cara adiante con todo”

Esta mañá, a Clínica Dental Baltar, membro do Club de Empresas Obradoiro, acolleu a presentación oficial do novo xogador do Monbus Obradoiro: Aleix Font.

O director xeral do Monbus Obradoiro, José Luis Mateo, declarou que “Clínica Baltar é unha empresa familiar creada no 1908 e que se identifica moi ben co ADN Obradoiro dado que a súa excelencia, profesionalidade, constante formación e trato próximo fan desta clínica un referente en Santiago de Compostela, máis se cabe agora tras a inauguración destas modernas instalacións na que nos atopamos hoxe. Ademais, todos os abonados do club poden xa beneficiarse dun 15% de desconto en servizos básicos de odontoloxía e dun 10% en determinados tratamentos (implantoloxía, próteses, periodoncia e estética dental). Ademais, son patrocinadores do equipo pre-infantil, o xa denominado ‘Clínica Baltar Obradoiro’”.

Sobre o novo xogador, Mateo explicou que se chegou a un acordo con Aleix Font e o Barça para incorporar ao xogador ata o final da presente tempada en calidade de cedido: “Consideramos que Aleix está preparado para contribuír a axudar ao equipo para conseguir os seus obxectivos. É un exterior completo e con futuro, que chega con boas referencias a todos os niveis. Esperamos que nos achegue tiro e enerxía nos dous lados da cancha e que todo iso sírvalle para crecer como xogador”.

Pola súa banda, o obradoirista declarou que estes primeiros días “quedei alucinado coa calidade humana do grupo, do equipo e da organización. O que destacaría destes primeiros días é a súa xente. O primeiro que me dixo Moncho cando falamos foi que el se fixaba moito na vertente humana do xogador porque é moi importante ter esta química. E cando chegas xa notas que o equipo está feito a conciencia e que todo o mundo é moi atento e amable, todos buscan o mellor para o equipo primeiro… É un ambiente moi positivo”.

Aleix confesou estar moi contento “por darme esta oportunidade. Espero achegar todo o que sexa necesario para axudar ao equipo, crecer individualmente e que, como consecuencia, podamos gañar os máximos partidos posibles. Como escolta podo axudar no aspecto do tiro. O xogo deste equipo está moi orientado aos beirados e tiradores. Tamén poderei achegar en correr o campo, en ser vertical, en coller rebotes… En todo o que se me pida”.

O xogador obradoirista destacou sobre o proceso da fichaxe que “podería dicir que esta é a primeira vez que saio da estabilidade de estar tantos anos no Barça. Non me imaxinaba que sería todo tan rápido. Dinche que hai interese, falámolo, vai para diante e nuns días xa todo empezou a funcionar. Ao final cando ves unha opción que che parece tan boa, vas cara adiante con todo”.

ARRIBA