Moncho Fernández: “O equipo deu un paso adiante en que cousas son importantes e hai que facer ben todos os días”

O adestrador do Monbus Obradoiro, Moncho Fernández, atendeu esta mañá aos medios de comunicación na rolda de prensa previa ao partido deste sábado, ás 18:00 horas, ante o Valencia Basket (Movistar Deportes).

Sobre o equipo despois da vitoria ante MoraBanc Andorra, Moncho Fernández destacou que “creo que o equipo deu un paso adiante en concienciación de que cousas son importantes e que temos que facer ben todos os días. Foi moi importante para conseguir estar nos dous últimos partidos, que ben podían caer ao carón ou a outro porque se definen por cousas moi pequenas. Precisamente por facer o maior número de cousas pequenas ben foi básico para que puidésemos alcanzar as dúas últimas vitorias”.

Preguntado sobre se esperaba o balance de 4/6 para o Valencia Basket neste inicio de tempada, o técnico compostelán explicou que “a Liga é complexa. Valencia tivo que xogar en pistas complicadas e tivo problemas de lesións. Con todo, se miras o récord de partidos na súa casa, que é onde imos xogar, é espectacular”.

O adestrador obradoirista detallou que espera atoparse a “un equipo moi disciplinado tácticamente, que sabe perfectamente a que xoga, que son capaces de ofrecer multitude de respostas en función das defensas que lle expón o equipo rival. É un equipo moi dotado tácticamente e con moita intelixencia. Ten xogadores moi expertos, saben perfectamente ao que xogan e é o que mellor lles define”.

Para gañar na Fonteta, Moncho declarou que “teremos que facer moitas cousas ben. Temos que ter control sobre aquelas cousas que temos que facer sempre ben: sempre podemos bloquear ben, ir a rebote, estar ben no balance defensivo… Ademais, para gañar nunha pista como esa, necesitas acerto ofensivo e mesmo un chisco de sorte en ocasións”.

ARRIBA