Pescamar doará 15 quilos de conservas grazas aos rebotes de Dejan Kravic

O pívot obradoirista, Dejan Kravic, coouse entre ‘Os Máis’ da xornada por primeira vez esta tempada grazas aos rebotes capturados.

O obradoirista logrou na pista do Valencia Basket, uns números que non se repetían desde facía décadas.

Dejan realizou o seu partido máis completo na Liga Endesa, entre o que capturou nin máis nin menos que 15 rebotes (9 ofensivos e 6 defensivos).

Así, Pescamar, membro do Club de Empresas Obradoiro, doará ao Banco de Alimentos de Pontevedra o conseguido en quilos de conservas.

Dejan destacou que “creo que é unha acción incrible por parte de Pescamar. Así, os patrocinadores conseguen que isto sexa algo máis que baloncesto. Hai moita xente que non ten acceso a algo tan básico como é a comida e saber que nós, a través do noso xogo, podemos axudar a alguén é xenial”.

Co equipo xa centrado no seu próximo compromiso, recibindo ao Coosur Real Betis (domingo 8, 12:30 horas), o pívot destacou que “será outro partido complicado, do mesmo xeito que pasa co resto de equipos da Liga Endesa. Eles gañaron o seu último partido e virán con moita confianza. Teremos sorte porque os recibiremos na nosa pista, co apoio da nosa afección. Teremos que dar o noso 100% para poder paralos e facernos coa vitoria”.

ARRIBA