O Monbus Obradoiro ficha a Laurynas Beliauskas para as próximas tres tempadas

O Monbus Obradoiro chegou a un acordo con Laurynas Beliauskas para a súa incorporación ao equipo para as próximas tres tempadas.

Este base-escolta lituano de 1,92 metros e 22 anos procede do Nevezis, co que estaba promediando esta tempada 15.3 puntos (55.4% en tiros de dous, 42.4% en triplos e 91.2% en libres), 3.9 asistencias e 1.3 recuperacións, para 15.3 de valoración na liga do seu país.

Internacional lituano U20 (prata no Europeo de Helsinqui’2016), U18 (bronce no Europeo de Volos’2015) e U16, esta será a súa primeira experiencia fóra das súas fronteiras, onde defendeu as cores do Neptunas (desde categorías inferiores ata 2019) e do citado Nevezis.

“Debido aos problemas físicos que estamos a ter no perímetro, buscabamos a alguén polivalente que puidese facer varios postos, entre eles o do base. Laurynas é un xogador ao que estabamos a seguir de cara ao futuro, e puidemos adiantar a súa incorporación. Esperamos que nos achegue o seu tiro e xogo de pick and roll, ademais de polivalencia e ilusión por estrearse na Liga Endesa, aínda que terá que facer un esforzo importante de adaptación para subirse a un tren en marcha”, afirma o director xeral do club, José Luis Mateo.

O xogador desprazarase a terras compostelás durante a fin de semana e o luns someterase ao pertinente recoñecemento médico en HM Hospitales, incorporándose posteriormente ao equipo.

ARRIBA