Moncho Fernández: “O UCAM Murcia é o mellor equipo en rebote de ataque da Liga, así que será unha pelexa importante”

 

O Monbus Obradoiro retoma a competición recibindo este domingo, ás 12:30 horas, ao UCAM Murcia, tras o parón pola Copa do Rei e as Ventanas FIBA.

O adestrador do Monbus Obradoiro, Moncho Fernández, destacou do seu rival que “teñen dous referentes xa coñecidos para todo o mundo, como son Booker e Eddie, pero centrarnos só neles dous sería menosprezar a calidade do resto de xogadores. Evidentemente son dous puntais no aspecto ofensivo do equipo murciano porque teñen moitísima calidade, pero nós temos que centrarnos en deter ao colectivo, non só en defender a Booker e Eddie. Eles foron capaces de gañar igualmente sen depender de ningún dos dous".

Sobre os cambios que se sucederon durante as últimas semanas no plantel murciano, Moncho destacou que “os cambios son os que achegan os propios xogadores e as súas propias características. No resto, imos seguir vendo un equipo de Sito Alonso, co dinamismo habitual ofensivo, con esa forma tan especial que teñen de xogar e coa agresividade que lles caracteriza. O UCAM Murcia é o mellor equipo en rebote de ataque da Liga, polo que será unha pelexa moi importante para nós tamén. No principal e no filosófico seguirán sendo o equipo que son”.

Parte Médico HM Hospitales: Maxime de Zeeuw e Chris Czerapowicz regresaron das Ventanas FIBA lesionados. De Zeeuw, que sufría un edema muscular no cuádriceps da súa perna esquerda, foise incorporando aos adestramentos. Chris Czerapowicz, que sufriu unha escordadura de grao dous no seu nocello dereito, aínda non puido adestrar e será dúbida. Earl Calloway incorporouse ao grupo. O club esperará ao sábado para decidir a convocatoria.

Rolda de prensa completahttps://youtu.be/BGxXav9FF6A 

ARRIBA