O Monbus Obradoiro e Chris Czerapowicz estenden o seu contrato por unha tempada máis

O Monbus Obradoiro e Chris Czerapowicz chegaron a un acordo para renovar o seu contrato para a tempada 2020/21.

Este aleiro de 2,01 metros e 28 anos atópase disputando a súa primeira tempada no club, co que está promediando 9.0 puntos, 3.9 rebotes para 8.3 de valoración en 24.4 minutos (21 partidos xogados).

Internacional por Suecia en todas as categorías, desde U16 a Absoluta, completou a súa formación na universidade norteamericana de Davidson. Posteriormente, pasou por diversas ligas -Italia (Pistoia), Suecia (Sodertalje Kings, campión de 2015 e 2016), Polonia (Krosno), ACB (Andorra) e a citada VTB ( Minsk e Nizhny)- antes de recalar en Santiago de Compostela.

“Chris é un xogador de equipo, capaz de sumar en varias facetas do xogo, que se adaptou moi ben ao club e á cidade, e que se atopa na súa etapa de madurez deportiva. Consideramos esta renovación unha magnífica noticia para a continuidade do proxecto”, afirma o director xeral do club, José Luis Mateo.

O xogador ofrecerá as súas impresións nunha rolda de prensa que terá lugar mañá martes, en lugar e hora por determinar.

ARRIBA