Chris Czerapowicz: “Gústame a cultura do club”

O Monbus Obradoiro anunciou que Chris Czerapowicz seguirá formando parte do equipo obradoirista unha tempada máis tras renovar.

O aleiro chegou ao equipo obradoirista este verán para poñerse ás ordes de Moncho Fernández e o seu corpo técnico e, desde ese momento, fixo seus os valores do ADN Obra e compartiunos tanto dentro como fóra da pista.

O xogador ofreceu as súas primeiras impresións tras o anuncio da súa renovación no Mercado Boanerges, novo membro do Club de Empresas Obradoiro. No acto estivo acompañado por José Luis Mateo, director xeral e deportivo do Monbus Obradoiro, que deu as grazas a todo o equipo do Mercado Boanerges “por acollernos na súa casa para a presentación da renovación de Chris Czerapowicz. Temos moitos puntos e valores en común: un espazo singular onde vivir unha gran experiencia, traballamos en equipo por promocionar a calidade dos produtos da terra… Ademais, queren ser parte activa do Club e albergarán o próximo evento do Club de Empresas, o 25 de marzo, nestas incribles instalacións. Grazas por confiar en nós e compartir o # ADNobra”.

José Luis continuou cos detalles da renovación: “O Monbus Obradoiro e Chris Czerapowicz chegaron a un acordo para renovar o seu contrato para a tempada 2020/21. Este aleiro de 2,01 metros e 28 anos atópase disputando a súa primeira tempada no club, co que está promediando 9.0 puntos, 3.9 rebotes para 8.3 de valoración en 24.4 minutos (21 partidos xogados). Chris é un xogador de equipo, capaz de sumar en varias facetas do xogo, que se adaptou moi ben ao club e á cidade e que se atopa na súa etapa de madurez deportiva. Consideramos esta renovación unha magnífica noticia para a continuidade do proxecto”.

Pola súa banda, Chris Czerapowicz confesou que “foi unha decisión moi sinxela quedarme unha tempada máis. Son feliz aquí. Moitos xogadores esperan a verán para ver as súas opcións, pero en canto recibín a oferta… Foi fácil decidirme. Quería quedarme e seguir crecendo aquí. Obviamente os xogadores sempre pensamos en que pasará a próxima tempada e onde xogarei. Pero cando estás nunha situación na que es feliz, estás cómodo e adestras e xogas con confianza… Non vexo motivo para arriscar e ter que esperar a final de tempada a ver outras opcións. Por que esperar se son feliz aquí?”.

O xogador destacou que “desde que cheguei comprobei que todo o que me dixeran era de verdade. O club, o equipo, a afección… Todos son unha gran familia e fanche sentir cómodo e moi feliz. Todo o mundo traballa e esfórzase para que todo vaia ben. Quero seguir formando parte disto. Estiven en moitos equipos de distintos países e é moi difícil atopar unha situación como a que estou a vivir aquí. Gústame a cultura do club”.

Sobre as súas expectativas no equipo, o aleiro explicou que “todo está a ir como esperaba. Vin co obxectivo de axudar en todo o que puidese ao equipo e a gañar partidos, desde a defensa, o rebote, os tiros, xogando en diferentes posicións… Creo que temos moita versatilidade e que hai xogadores que poden facer diferentes cousas. Por iso creo que encaixo neste persoal e estou contento co meu rol no equipo. Pero sei que aínda podo crecer e mellorar para ser mellor”.

ARRIBA