Moncho Fernández: “Para desarticular ao RETAbet Bilbao Basket hai que facelo como equipo”

 
 
O Monbus Obradoiro visita esta fin de semana a pista do RETAbet Bilbao Basket, o domingo, ás 12:30 horas (Movistar Deportes 1). O adestrador do Monbus Obradoiro, Moncho Fernández, destacou do seu rival que “ten moi claro a que xoga e que fai. Son capaces de adaptarse, tanto no aspecto ofensivo como no defensivo, porque expoñen moitísimas variantes de partido a partido. Nos partidos con finais igualados, de cada dez gañaron oito. Todos os finais de partidos que se definiron por dúas, tres canastras, souberon xogalos moi ben”.
 
O técnico obradoirista explicou sobre os xogadores bilbaínos que “están a render a un nivel moi alto. Todos achegan e teñen ese punto de brillantez necesario. Todos os xogadores teñen o seu papel e todos participan. Ten moito mérito o que está a facer Bilbao. E, sobre todo, o colectivo é o que os fai mellores”.
 
Sobre o estilo de xogo do RETAbet Bilbao, Moncho detallou que teñen “un estilo moi claro. Aplícanse a el. Un equipo moi intelixente, porque ten xente con moito basket encima, xente veterana. Os que non teñen tanta experiencia están a facelo francamente ben. É moito o mérito de Álex Mumbrú nese traballo”.
 
Para desarticular aos de Bilbao, o adestrador obradoirista ten claro que “hai que facelo como equipo. Tes que estar a ese nivel colectivo, tanto defensiva como ofensivamente. En moitas ocasións volverá ocorrer o de Murcia: seremos capaces de xerar a vantaxe e non metelas. Aí non podemos perder o compás e teremos que seguir insistindo”.
 
Parte Médico HM Hospitales: Chris Czerapowicz, que sufriu unha escordadura no seu nocello dereito a pasada semana, foise incorporando aos adestramentos.
ARRIBA