O Consello de Administración do Monbus Obradoiro presenta o Plan de Viabilidade Económica do club e anuncia a renovación de Pepe Pozas

O Consello de Administración do Monbus Obradoiro explicou nunha rolda de prensa, que tivo lugar no Hotel NH Collection Santiago, en que situación se atopa o club ante a nova tempada, que decisións se tomaron durante a pandemia do COVID-19, que motivou a cancelación da Liga Regular e, por extensión, a finalización da tempada deportiva do conxunto obradoirista ao quedar fóra da Fase Final polo basket-average.

O presidente do Monbus Obradoiro, Raúl López, comezou explicando que “nun primeiro momento, o impacto económico negativo para o club desta situación cifrouse en algo máis de 850.000 €. A partir de aquí, non deixamos de traballar para reducir esa cifra e, sobre todo, para dotar de viabilidade ao proxecto. Como sabedes, este Consello de Administración tomou no seu día a decisión de apoiar a este club e o noso primeiro obxectivo foi que houbese baloncesto en Santiago durante o maior tempo posible, desde a base dunha xestión responsable. Nos últimos anos, a pesar de ser un dos orzamentos máis baixos da Liga Endesa, a pesar de ter menos dun dez por cento dos nosos ingresos procedentes de institucións, a pesar de ter que conformar un equipo practicamente novo cada ano, conseguimos –coa inestimable axuda dos nosos afeccionados- chegar a ser o primeiro equipo galego en permanecer na ACB durante unha década ininterrompida. Isto, que ninguén o fixo antes en Galicia, é mérito de todos os que formamos parte da familia Obradoiro. Podemos estar moi orgullosos da traxectoria que está a describir o club nunha competición que cada ano sobe o seu nivel e esixencia en todos os terreos”.

Raúl López destacou que “o que sucedeu este ano foi un golpe durísimo para o club, pero estamos seguros de que o imos a superar. En primeiro lugar, quero agradecer aos nosos afeccionados as numerosas mostras de apoio que nos enviaron durante este tempo de loita e incerteza. Imos necesitalos máis que nunca. Tamén a inmensa maioría dos nosos patrocinadores estiveron á altura das circunstancias, como estabamos seguros de que sucedería, polo que lles damos as grazas a pesar de que todos estamos a vivir tempos complicados nas nosas empresas. Que non lles caiba a menor dúbida de que o Obradoiro devolveralles todo este apoio. E, sobre todo, agradecer a todo o noso persoal, xogadores, adestradores, empregados, todos, polo compromiso mostrado e o esforzo realizado ante as medidas que a empresa non tivo máis remedio que adoptar para asegurar a súa continuidade”.

O membro do Consello de Administración, Óscar Rodríguez, detallou que “ante esta situación que describiu o Presidente, o Consello de Administración non podía ser menos e por iso na súa última reunión tomou a decisión unánime de redobrar o seu apoio, tanto a través do patrocinio como de varias operacións financeiras que requiriron de avais de empresa, persoais e inmobiliarios para que o club puidese seguir adiante. Así, arrimou o ombreiro o Consello en pleno: Monbus (Raúl López), Cenor (Javier González), Pescamar (Lupe Murillo), Visualiza Business SL (José Ramón García), Espina & Delfín SL (Óscar Rodríguez), HM Hospitales (Rafael Silva), Anoa Inversores SL (Argimiro Vázquez), Emporium Patrimonial de Inmuebles SLU (José Manuel Marcote), Temosnet Consulting SL (José Manuel Rivera), Hormigones Carral (Valentín Vázquez) e Luis García (Oviga). Foron uns meses moi duros, pero xa hoxe podemos comunicar que saímos adiante”.

Outro dos membros do Consello de Administración presentes na rolda de prensa foi José Ramón García, quen continuou explicando que “unha vez posto en marcha este Plan de Viabilidade – continuou – , o club prosegue coa súa actividade normal, que pasa pola construción dun novo plantel ou o lanzamento dunha campaña de abonos para unha tempada que vai ser moi especial para todos, non en balde será da noso 50 Aniversario. O orzamento do club para a próxima tempada diminuirá ao redor dun 10-15%, en función de diferentes partidas que aínda restan por concretar, pero estamos seguros de que co apoio de todos volveremos construír un persoal ilusionante que nos conduza ata a consecución dos nosos obxectivos. Non teño que dicir que esta tempada máis que nunca se fai imprescindible o apoio de cada afeccionado, cada un na medida das súas posibilidades. A historia deste club di que a súa xente sempre responde, sobre todo nos momentos máis complicados”.

Raúl López finalizou a rolda de prensa desvelando que “nos próximos días iremos comunicando novidades en relación ao 50 aniversario e a Campaña de Abonos. Tamén se irán producindo novidades na parcela deportiva, aínda que a primeira imos avanzar hoxe. O club executou a opción de renovación de Pepe Pozas por unha tempada máis. Estamos moi contentos de que o capitán continúe connosco”. 

ARRIBA