Pepe Pozas, tras a súa renovación: “É moi difícil que un xogador estea sete anos no mesmo club e iso faime estar moi orgulloso”

O Monbus Obradoiro executou a opción de renovación de Pepe Pozas. Así, o capitán obradoirista continuará no Monbus Obradoiro unha tempada máis, a sétima consecutiva.
Tras o anuncio, o capitán obradoirista quixo dar as grazas “ao club por confiar en min e a toda a xente polo agarimo que me mostrou estando pendentes de se continuaba ou non. Grazas por toda esa atención que me prestan e espero poder devolverllo na pista”.
 
O base destacou que “son moitas as cousas que me fan querer continuar neste club. Estou moi contento e a miña muller e eu estamos acomodados ao 100% con Santiago. Deportivamente, creo que tanto o club como eu temos obxectivos que podemos cumprir xuntos. Nunca pensei en que podía estar certo tempo nun sitio. O único que tiña claro era que quería ser xogador de baloncesto e atopar retos que me fixesen progresar tanto a nivel persoal como profesional. E creo que en Santiago estou a atopalo. A día de hoxe é moi difícil que un xogador estea sete anos no mesmo club, e iso faime estar moi orgulloso”.
 
Para Pepe é imposible non pensar na próxima tempada, na que o club cumpre o seu 50 aniversario: “Algo que sen dúbida será especial vai ser poder gozar do club e empaparme da súa historia. É incrible poder vivir un momento histórico e tan importante como o 50 aniversario. Estou seguro de que será moi especial e bonito, así que tentaremos vivilo a lume de biqueira desde o primeiro momento para poder lembralo moito tempo”.
 
O xogador é consciente das dificultades que atravesa a sociedade tras a pandemia do COVID-19 e quixo lanzar unha mensaxe á afección obradoirista: “Que mellor forma de ir volvendo á normalidade que podendo volver a Sar. A xente sabe que cada un de nós debe ter unha responsabilidade individual para que todo vaia ben. Nós imos dalo todo para que a xente volva gozar e se evadan un pouco de todo o que pasamos e o que pode pasar. Simplemente animo a todos a que veñan para poder volver gozar todos xuntos”.
 
Co proxecto en plena construción e sen coñecer todas as pezas que formarán o plantel obradoirista, o capitán confesou que “non faltarán traballo nin sacrificio. É o que sempre nos transmite o corpo técnico cada tempada, aínda que cambien as pezas. Iso non vai cambiar. Hai varios xogadores do ano pasado que continuarán e teremos o mesmo corpo técnico. Creo que iso che dá seguridade. Sei que o equipo vai competir e darao todo e seguro que a xente se sente orgullosa dos xogadores que vistan a camiseta do club”.
 
Pepe Pozas xa forma parte da historia do club. É o xogador obradoirista que máis partidos disputou na Liga Endesa (182), o máximo asistente na historia do club (610) e o que máis balóns recuperou (136). Preguntado sobre os seus próximos records a superar, Pepe confesou que “nunca tiven ningún obxectivo de records. Simplemente penso en axudar, achegar, seguir sumando cousas positivas e gozar de todo. Levo moito tempo aquí e iso permitiume superar varios records. Se tivese que pedir un para a próxima tempada sería un record colectivo antes que individual. Conseguir o máximo número de vitorias nunha Liga Regular”.
ARRIBA