Kartal Ozmizrak: “Morro de ganas de estar xa na pista e tentar gañar o maior número de partidos, todos xuntos”

O Monbus Obradoiro anunciou que o base turco, Kartal Ozmizrak, formará parte da familia obradoirista na tempada 2020/21.

Este base de 1,89 metros e 24 anos procede do Darussafaka, co que promediou 9.0 puntos (47.3% en tiros de dous, 34.7% en triplos e 78.6% en libres), 3.6 asistencias e 1.1 recuperacións en 21.5’ na Liga Turca, e 6.8 puntos e 1.9 asistencias en 18.2’ na Eurocup.

O xogador realizou as súas primeiras declaracións como obradoirista e destacou que “nos meus plans sempre estivo poder xogar na Liga Endesa porque me encanta o estilo de xogo en España. Creo que podo encaixar moi ben no sistema de xogo do Obra e esta foi a principal razón para decidirme”.

Esta será a súa primeira experiencia fóra de Turquía e o base confesou que “foi unha decisión dura porque levaba moito tempo no meu anterior equipo e eramos como unha familia. Pero para avanzar na miña carreira profesional crin necesario saír da miña zona de confort. Desexo atoparme o mesmo en Santiago e ser como unha familia tamén”.

Pero, que achegará Kartal ao equipo?: “Como vin partidos da tempada pasada, creo que o sistema e a filosofía de xogar chegando en transición e as saídas de bloqueos é realmente boa para min. Tentarei axudar ao equipo a través do xogo de pick& roll e co meu tiro de tres”.

O xogador confesou que a conversación previa que tivo con Moncho “foi a razón principal de querer vir ao Obra. O primeiro día que falamos por teléfono explicoume que son como unha familia e isto é o máis importante para min. Tamén me detallou cal é o tipo de baloncesto que lle gusta xogar e como poderei achegar e axudar ao equipo. Esta conversación axudoume a que tomar a decisión fose máis fácil”.

Ademais de falar co adestrador obradoirista, o xogador detallou que “falei con algúns xogadores que pasaron por Santiago. Tamén o fixen con Kostas a través duns amigos e todo o que me dixeron sobre o club e a cidade son cousas boas, e isto é moi importante para min”.

Sobre a afección obradoirista, Ozmizrak explicou que “cando vía partidos do Obra a tempada pasada puiden ver que a afección sabe moito de baloncesto e sabe cando ten que vir arriba para levantar ao equipo. Sempre están aí apoiando. Morro de ganas de estar xa na pista e tentar gañar o maior número de partidos, todos xuntos”. 

ARRIBA