O Monbus Obradoiro e Mike Daum renovan o seu contrato por unha tempada

O Monbus Obradoiro e Mike Daum chegaron a un acordo para prolongar o contrato que unía a ambas as partes para a tempada 2020/21. Este ala-pívot de 2,06 metros e 24 anos chegaba ao equipo o pasado verán e promediou 9.0 puntos (51.4% en tiros de dous, 44.9% en triplos e 74.4% en libres) e 3.7 rebotes en 19.3 minutos na que foi a súa primeira campaña como xogador profesional.
 
Nacido en Kimball (Nebraska), o norteamericano completara un exitoso ciclo escolar antes de enfundarse a camiseta obradoirista: gañador da súa conferencia (Summit League) en 2016, 17 e 18; MVP do torneo os tres anos; e Xogador do ano en 2017, 18 e 19.
 
“Estamos contentos con esta renovación, pois Mike é un xogador que se adaptou perfectamente ao equipo e á cidade, e ademais entendeu que o Monbus Obradoiro é un bo sitio para continuar o seu crecemento deportivo. Esperamos que nos siga achegando a súa polivalencia e capacidade de anotación, e que este ano de experiencia lle permita dar un paso adiante como xogador importante do equipo”, afirma o director xeral do club, José Luis Mateo.
ARRIBA