Álex Suárez: “Sempre me falaron marabillas sobre o club e non teño dúbida de que serei moi feliz aquí”

Tras o anuncio da fichaxe de Álex Suárez por parte do Monbus Obradoiro, o xogador quixo transmitir as súas primeiras impresións antes de chegar a terras compostelás.

Así, o ala-pívot declarou que “no momento en que me comunicaron que tiña unha oferta do Monbus Obradoiro non o pensei moito. Sempre oín marabillas sobre o club, a afección, a cidade e o proxecto”.

O xogador confesou estar “moi ilusionado con esta oportunidade. Veño con moitas ganas de traballar, de axudar aos meus compañeiros, de gañar os máximos partidos posibles e gañarme os minutos día a día”.

Sobre que achegará ao equipo, Suárez explicou que “creo que podo axustarme moi ben ao equipo e ao estilo de baloncesto que xoga Moncho. Veño para achegar enerxía na defensa, tiro exterior, axudar no rebote e todo o que me pida o adestrador. Vou dalo todo en cada partido!”.

O obradoirista buscou referencias en Pepe Pozas: “É un gran amigo meu e sempre falaramos de que sería moi bonito poder xogar xuntos e que o Monbus Obradoiro podería ser un moi bo lugar para min. Tanto el como Nacho Llovet, que tamén é amigo meu, sempre me falaron marabillas sobre o club e non teño dúbida de que serei moi feliz aquí. Cando xogas de visitante no Fontes do Sar xa tes unha idea da boa sintonía que hai entre equipo e afección. E iso é algo que persoalmente me encanta. É un gustazo! Teño moitas ganas de xogar como local e vibrar na Caldeira”.

Sobre a súa nova cidade, Álex detallou que ten “moitas ganas de perderme polas súas rúas e coñecela a fondo. É unha cidade con moita historia e unha xente moi agradable. Ademais, a miña nai e parte da miña familia é galega, por iso estou moi contento de estar preto de eles”.

En canto aos seus compañeiros e adestrador, o ala-pívot destacou que “tiven a sorte de poder falar con Moncho antes de fichar. O pouco que coñezo del gústame moito. É unha persoa moi próxima e que ten as cousas moi claras. Seguro que nos entenderemos ben. Sobre os meus compañeiros, estou moi contento de poder compartir vestiario co meu gran amigo Pepe. Faloume xenial dos xogadores que continúan e estou seguro de que formaremos un grupo moi familiar cos que nos unimos este ano. Teño moitas ganas de coñecelos a todos”.

ARRIBA